Ana Pontón avanza que o BNG vai solicitar no Parlamento axudas para a DO Ribeira Sacra para compensar os danos da sarabia

Ana Pontón
Ana Pontón
“É coñecida como viticultura heroica e con razón e toca estar á altura cun sector que aporta tanto no económico, no social e no ambiental”, salientou

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou todo o apoio do BNG ao sector vitivinícola da denominación de orixe Ribeira Sacra, e avanzou que formación nacionalista levará a petición de axudas ao Parlamento.

“Imos propoñer na Cámara a declaración de zona catastrófica para que se poidan activar axudas aos propietarios e ás adegas afectadas pola sarabia que, segundo explican desde o propio sector, ten causado un dano cuantiosos tanto á colleita actual como nos propios viñedos que afectará tamén á produción máis aló deste ano”, alegou.

A da Ribeira Sacra é coñecida como a “viticultura heroica” con toda a razón, “e agora toca que desde a Administración se estea á altura para axudar a superar este revés que ten un impacto económico evidente, por iso urxen axudas para que este desastre non supoña a ruína de ningún produtor ou adega na comarca”, recalcou desde a comarca de Valdeorras, tamén vitivinícola, onde ten previsto tamén un encontro co consello regulador da D.O.

E todo iso nun contexto de crise derivada da pandemia que tamén supuxo dificultades engadidas porque o peche da hostalería tivo unha repercusión evidente na comercialización dos produtos do sector do viño, que é clave, desde o punto de vista económico e social para a Comarca da Ribeira Sacra.

Un sector que ten, ademais, “un papel fundamental na preservación do medio ambiente, porque impide o abandono das terras e impide a despoboación do rural”, evitando todos os efectos negativos que implica. E, nese sentido, hai que tomar medidas para afrontar a emerxencia ambiental, o cambio climático e a perda de biodiversidade, porque nos xogamos moito no económico, no social, e mesmo en termos de saúde na prevención de pandemias.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG