galegas 2024

Ana Pontón avanza que o BNG exercerá todas as competencias en materia ferroviaria para que Galiza non perda o tren

Estación de Santiago
Estación de Santiago

Aposta un servizo de cercanías empezando polas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo que concentran a máis de 800.000 persoas e acabar coa anomalía de ser un dos poucos territorios sen ese tren e proximidade

Creación do GALTREN, como instrumento para a xestión do transporte ferroviario e terá como prioridade de goberno vertebrar por tren o interior

“A próxima lexislatura ten que ser a lexislatura do tren en Galiza”. Baixo esta premisa, a candidata á Presidencia, Ana Pontón, presentou diante da estación de ferrocarril en Santiago as principais liñas do programa de goberno do BNG nesta materia, indicando que o tren é o medio de transporte “sostible” polo que aposta decididamente para a mobilidade, tanto de persoas como de mercadorías.

Pontón avanzou que o goberno que aspira a presidir exercerá todas as competencias na materia para mellorar o transporte por tren para o que, en primeiro lugar, anunciou a creación do ente ferroviario galego GALTREN, como instrumento que permita “exercer as competencias que temos recoñecidas no noso Estatuto”. O obxectivo é darlle ós galegos e ás galegas a posibilidade dun tren do século  XXI, “mellorando conexións, frecuencias e horarios”, e tamén utilizar o tren como medio para “articular e vertebrar  o territorio conectando vilas e cidades”. En definitiva, “que tamén utilicemos o autogoberno deste País para desenvolver o ferrocarril”, resumiu.

Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Noa Presas
Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Noa Presas

A líder nacionalista tamén explicou a aposta do BNG por un tren de proximidade, denunciando que hoxe Galiza é un dos poucos territorios que non teñen este servizo. Neste sentido, recordou que a “implantación das cercanías” en Galiza é un dos acordos acadados polo BNG no pacto de investidura, dando prioridade ás áreas urbanas máis desenvolvidas, de tal xeito que en catro anos, -é dicir, na lexislatura-, o obxectivo é que  haxa tren de proximidade entre A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, cunha poboación que supera as 900.000 persoas. En todo avanzou que o Bloque quere estender “ao conxunto do País”.

Pontón avogou por mellorar as frecuencias e os horarios actuais, dadas as deficiencias que sofren os usuarios e as usuarias, para o que comprometeu abrir unha negociación co Estado, negociación que, segundo dixo, cómpre desenvolver tamén para ampliar a rede ferroviaria galega.

Nesta liña, a candidata nacionalista márcase como un dos obxectivos prioritarios que todas as cidades galegas estean conectadas con servizos “que nos permitan ter unha mobilidade rápida” e “suplir a carencia que ten Lugo” dotando á cidade dunha conexión directa con Santiago de Compostela, o que considerou clave para a capital lucense “pero tamén para todo o interior do País”.

Mais Pontón entende que o ferrocarril no só é o medio de futuro para a mobilidade das persoas, senón tamén para o transporte de mercadorías, polo que apuntou tamén como prioridade dun goberno BNG o impulso do Corredor Atlántico, unha infraestrutura que considerou fundamental para incrementar a “competitividade das nosas empresas” e para situar Galiza nas redes transeuropeas de transporte.    

Finalmente, destacou considera estratéxica a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, co impulso da construción da saída sur en Vigo e a aprobación dun calendario que permita que esta infraestrutura de vital importancia para as relacións entre Galiza e Portugal sexa unha realidade para o ano 2030.

Con estas medidas, a líder nacionalista defendeu o deseño integral dun servizo ferroviario que mellore a vida dos galegos e das galegas e a competitividade das empresas. “Este é o meu compromiso, facer da próxima lexislatura a lexislatura do tren en Galiza”, impulsando unha axenda ferroviaria galega.

“Temos claro que o tren ten que ser o medio por excelencia da mobilidade sostible, polos seus beneficios para a vertebración interna do país, para garantir unha comunicación rápida e segura entre as cidades e vilas e para combater o cambio climático. Fronte a un PP que lle deu as costas ao tren, o goberno do BNG porá o tren no primeiro plano da acción de goberno”, concluíu.

Que Rueda rectifique e acuda a TVE

Por outra banda, e a preguntas dos medios de comunicación, Pontón fixo unha valoración do debate electoral celebrado na TVG, do que dixo evidenciou a un candidato do PP “sen proxecto que defender” e sen ilusión co País, fronte a un BNG cun proxecto “que confía en todo o noso potencial e na capacidade do País”.

“Estou convencida de que estamos máis cerca do cambio”, afirmou para, a continuación, pedir ao candidato do PP que acepte o cara a cara que lle vén ofrecendo o Bloque dende o inicio da campaña para que os galegos e as galegas coñezan sen filtros as dúas alternativas reais que existen de cara á cita electoral do 18F.

Pontón tamén instou a Rueda a “rectificar” e acudir ao debate de TVE que se celebrará a semana que vén, “porque os debates non son un capricho dos candidatos, son un dereito da cidadanía”. “Agardo que non se agoche, aínda que vendo o que pasou onte moitos cidadáns entenderán que Rueda non queira ir ao debate electoral que propón televisión española”, ironizou.

Por último, e tamén a preguntas dos medios, a líder nacionalista indicou que “os pactos ten que decidilos a cidadanía” e por iso hai que esperar o veredicto das urnas do 18-F. En tal caso, agregou, “vou estar moi orgullosa de representar un cambio de ciclo neste País e tamén de poñer en marcha un goberno que reflexe pluralidade, un goberno que exerza desde o diálogo, coa man tendida, desde a capacidade de escoitar e de chegar a acordos.”, agregou, insistindo en que hai que agardar a que os galegos e as galegas se pronuncien co seu voto.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG