A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe, trala xuntanza con parte da executiva nacionalista e os candidatos e candidatas ás alcaldías das grandes cidades, que os resultados do pasado 26M confirman “o avance social e electoral do BNG” Para a portavoz nacionalista ábrese “un novo ciclo político no que o BNG consigue duplicar o voto nas eleccións Xerais, tamén nas europeas e nas municipais acadando representación en todas as cidades galegas”.
Pontón recalcou que o novo ciclo político caracterízase polo “avance do BNG” mentres o “Partido popular retrocede nos últimos tres procesos”. Temos ante nós un reto importante na convocatoria das eleccións galegas no ano 2020 e dende o BNG, enfrontámolo con “decisión para garantir un cambio real en Galiza para poñer “punto final ao decenio nefasto do Partido popular e de Feixóo”.
Para abrir o novo ciclo que Galiza precisa, comezamos a reforzar o proxecto do BNG cunha organización “unida, sólida e cun proxecto que xa é referencia para moitas persoas”. Porque hai “outra Galiza posible” que tamén é construída dende os concellos e deputacións, asegurou Pontón.
Ademais, explicou que o avance do BNG nas cidades alcanza un incremento de voto nas cidades do 22,2%, o incremento porcentual de concelleiros e concelleiras acada o 31,6%, e dende o punto de vista cualitativo conseguimos manter o apoio maioritario dos veciños e veciñas de Pontevedra coa garantía de que esta cidade continúe cun proxecto transformador e modelo de éxito de referencia. Volvemos a entrar nas corporacións de Vigo e Ourense, acadamos un importante avance no número de votos en Santiago e Coruña e somos decisivos en Ferrol e Lugo.
Nas pasadas eleccións, moitas persoas en Galiza demostraron que queren políticas alternativas e nós, recalcou Pontón, imos traballar “con luces longas” porque o debate das eleccións municipais non remata en quince días. Contamos cun “proxecto de país sólido” e traballaremos coa perspectiva de catro anos para fortalecer o proxecto do nacionalismo e contribuír ao avance das cidades.
Pontón asegurou que o novo mapa das cidades galegas evidencia o desexo dos galegos e galegas contra as políticas de dereitas. Nestes sentido, anunciou que o BNG responderá con diálogo, propostas e proxectos concretos para cada unha das cidades, “ben dende o goberno ou a oposición” porque sabemos “gobernar pero tamén sabemos facer oposición” e o nosa acción de futuro estará supeditada a cambios reais nas políticas nos lugares nos que o BNG non obtivo a alcaldías. Seremos moi esixentes para facer avanzar as ideas e proxectos nacionalistas, manifestou a líder do BNG.