A candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro con militancia e simpatizantes en Bueu, acompañada polo alcalde Felix Juncal, e pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, onde pediu a toda a veciñanza do Morrazo unha gran mobilización e concentrar no BNG o voto do cambio galego, “a esa maioría social que quere cambio real que se exprese nas urnas con toda contundencia da man do BNG para facer historia e que, por primeira vez, Galiza teña unha muller presidenta liderando un goberno capaz de facer valer os intereses dos e das galegas”.
Pontón fixo unha apelación directa á xente moza e tamén ás persoas que non teñen decidido o seu sufraxio: “Quero dirixirme especialmente aos mozos e as mozas que nesta campaña se ilusionaron coa nosa candidatura e a todas aquelas persoas que aínda non teñen decidido o seu voto. É o momento de apostar por algo diferente, porque estamos vivindo un tempo de cambio para o que non valen vellas fórmulas, ao contrario, as políticas de sempre están destruíndo unha parte do noso país e non poden representar o futuro”.
“Queremos erguer Galiza e podemos saír adiante se temos un goberno que defenda os nosos sectores produtivos, o emprego, o medio ambiente, que defenda a igualdade real das mulleres, un futuro para a xente moza e uns servizos públicos de calidade e libres de recortes para a maioría social”, proclamou.
A candidata salientou que non hai nada escrito, e que o resultado deste domingo vaino definir o pobo galego, convencida de que optará por abrir un tempo novo. “Levan demasiado tempo dicíndonos que non se pode, pero este 12X imos demostrar que co BNG é posible poñer en marcha un cambio galego e erguer Galiza, imos facer historia cunha muller presidenta, imos facer historia para que a xente nova non teña que emigrar, para que deixen de espoliar os nosos recursos, para ter un pais de mulleres libres e iguais, imos facer historia para poder vivir e traballar nesta terra”, apelou.
Pontón convidou a romper coa rutina e a votar desde a esperanza nun futuro mellor confiando nas nosas propias forzas. “Hai que ir votar con ilusión, con convicción, con orgullo, para conquistar o futuro e se todas as persoas que queremos cambio concentramos o voto no BNG teremos unha presidenta e un goberno que vai poñer en marcha un novo modelo produtivo en verde, que aposte pola investigación, polo emprego, polos servizos público e pola nosa lingua e cultura. En definitiva, un novo proxecto de país, unha nova Galiza”, concluíu.