A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin da Coruña para facer unha apelación “ao voto de país, nacionalista, inconformista e rebelde” para que este domingo se faga sentir enchendo as urnas de papeletas BNG “e poder estender o modelo municipal de éxito do Bloque por Galiza”, un modelo que funciona, capaz de transformar os concellos en referentes de calidade de vida.
“Somos unha aposta segura, garantía de que os concellos estarán liderados por unha forza política con solvencia, coherencia, con ideas claras e cun modelo de éxito. Onde gobernamos demostramos que se pode facer política doutra maneira, que hai outro país posible”, recalcou.
Lonxe de propostas localistas, o BNG ten un proxecto para os concellos porque ten un proxecto para o país que se constrúe desde as vilas e as cidades. “Onde gobernamos melloramos a vida da veciñanza, somos exemplo de democracia participativa, facemos unha aposta radical pola igualdade e o feminismo, rentabilizamos cada euro, aplicamos un urbanismo para as persoas en concellos sustentables, orgullosos do noso e con dinamismo económico, social e cultural”, sintetizou Pontón.
Ese é o modelo a estender sumando máis BNG a partir do 26M. A líder nacionalista, puxo as luces largas para salientar que o avance do Bloque nos concellos será o primeiro paso para derrotar ao PP de Feixóo en 2020, cando se celebren as eleccións galegas, e abrir un tempo novo en Galiza “que estaremos en disposición de liderar”.
Na Coruña, Pontón pediu o voto para a candidatura que encabeza Francisco Jorquera, “porque é a alternativa dun cambio real na cidade”, convencida de que os e as coruñesas non van resignarse nin a volver ao pasado da man do vello bipartismo, nin van conformarse cos que prometeron cambialo todo pero só trouxeron decepción e ineficacia.
“A Coruña precisa un alcalde á altura desta cidade, é Francisco Jorquera é ese alcalde”, proclamou, tras destacar a traxectoria de compromiso político e persoal do candidato coa cidade, a súa capacidade e experiencia. “Ten capacidade de diálogo para sacar adiante os proxectos que necesita A Coruña, para suscitar consensos e resolver problemas. Jorquera representa a solvencia dun proxecto político transformador que ten a cabeza e o corazón ben plantados nesta cidade e neste país”, recalcou.
Xa na recta final de campaña, Pontón fixo un chamamento á mobilización até o ultimo minuto para lograr o 26M un gran resultado tantos nas eleccións municipais como nas europeas, “falamos con todo o mundo, amizades, familiares, compañeir@s de traballo, para explicarlle o noso proxecto para os concellos e para explicar a importancia de que Galiza reforce a súa voz en Europa da man do BNG”, concluíu.
Máis Galiza en Bruxelas co BNG
Pola súa parte, a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, destacou que o BNG demostrou co seu traballo na Eurocámara o compromiso co medio ambiente que, no caso de Galiza, ten no saneamento integral das rías a gran materia pendente, -como na Ría do Burgo-, e reclamará financiamento europeo para o dragado dos fondos contaminados. Igualmente, total compromiso para sacar adiante alternativas que revertan o cambio climático un asunto no que hai que actuar “con decisión e urxencia”.
A actual eurodeputada volverá colocar Galiza na Eurocámara como un referente na loita contra a involución democrática que ven da man da extrema dereita “que pretende negarnos como nación, como pobo, negar a nosa cultura e a nosa lingua”. Neste sentido, salientou a declaración aprobada en Bruxelas para ilegalizar a Fundación Franco e a súa loita a favor da recuperación do patrimonio espoliado polo franquismo ao pobo galego, como a Casa Cornide ou o Pazo de Meirás.
Miranda, que reivindicou a súa como unha “candidatura feminista”, comprometeuse a volver facer do escano do BNG o escano do pobo galego, “aínda con máis forza” tras o 26M.