A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, tras reunirse coa directora de Transporte ferroviario da Comisión Europea, Elisabeth Werner, e co xefe de gabinete da Comisaria de Transporte, reclama ao goberno estatal que cumpra a normativa comunitaria en seguridade ferroviaria tal e como lle pide a Comisión Europea. “A Comisión quere unha medida lexislativa de implementación da normativa de seguridade ferroviaria de control de riscos e un plan de acción que a poña en práctica”, salientou ao finalizar o encontro.
Esta é unha das reunións habituais que mantén a eurodeputada do Bloque como denunciante no procedemento de infracción do caso Alvia por incumprimento da normativa comunitaria de seguridade ferroviaria en materia de control de riscos. No encontro, a directora de Transporte comunicoulle a Miranda que a Comisión, despois de abrir o procedemento de infracción no mes de xaneiro de 2019, instou ao goberno español mediante carta para que dea resposta á falta de cumprimento de esta normativa, ao respecto do cal o goberno central pediu unha prórroga de dous meses.
“Nesta semana tiñamos que ter a información de se o goberno implementa unha lei, pero, debido ás eleccións o goberno estatal pediu unha prórroga até finais de maio”, explicou Ana Miranda ao respecto. “Deste xeito, o procedemento de infracción sigue aberto; o seguinte paso será unha razón motivada, pedindo un plan de acción verificado, e se o goberno saínte das eleccións non cumpre, a Comisión iría como terceiro paso ao Tribunal”, engadiu.
No tocante aos prazos deste proceso sinalou que aproximadamente será en setembro cando se saiba cal será o seguinte paso. “Eu non é que desexe que se chegue ao Tribunal, e que o vou esixir chegado o caso, como denunciante”, avanzou.
Inaccións dos gobernos
Para a eurodeputada do Bloque, que despois de seis anos do accidente de Angrois non se puxera en marcha ningunha medida “é unha vergonza”. “O que lle pedimos ao goberno que saia tras as eleccións xerais, da cor que sexa, é que se aplique a normativa comunitaria, porque a día de hoxe non está implementada a normativa, para evitar que se volva producir un novo accidente como o do Alvia”, subliñou.