parlamento europeo

Ana Miranda: “Queremos saber se o plan de acción do Estado dá resposta ás demandas das vítimas do Alvia”

Conferencia Alvia
Conferencia Alvia

A eurodeputada do BNG salienta que 10 anos despois do accidente é tempo de que os responsables políticos pidan perdón

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou a súa esperanza no cumprimento por parte do Estado Español dos requirimentos do procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria, xa que nas súas intervencións na conferencia “O accidente de Angrois, 10 anos despois: Temos avances en seguridade ferroviaria?” que hoxe tivo lugar en Bruxelas, o Director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte, Kristian Schmidt, e o Director Executivo da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Josef Doppelbauer, aseguraron que existen avances.

“Queremos saber que di o plan de acción do Estado Español e se dá resposta ás demandas das vítimas”, salientou Miranda a respecto das explicacións detalladas polos representantes das institucións europeas participantes no evento, que aseguraron que “pedimos ás autoridades españolas que de forma trimestral nos informen” e “no noso diálogo coas autoridades españolas van as cousas como están previstas na lexislación europea”.

O accidente de Angrois, 10 anos despois: Temos avances en seguridade ferroviaria?

Neste sentido Schmidt e Doppelbauer destacaron que o procedemento de infracción “segue aberto e o pecharemos cando España teña dado todos os pasos necesarios para cumprir a normativa europea”. Ademais, en resposta a Jesús Domínguez, presidente da Plataforma de Víctivas do Alvia 01455, aseguraron que ADIF tiña que ter feito a avaliación de riscos no 2013 e que a ERA sigue mantendo a necesidade de realizar unha investigación do accidente independente.

Desconexión do ERTMS

Precisamente a supresión do sistema ERTMS por parte das autoridades españoles polas présas para inaugurar a liña ferroviaria na que se produciu o sinistro foi unha das cuestións denunciadas polo enxeñeiro de Obras Públicas, Xosé Carlos Fernández Díaz, e polas vítimas participantes na conferencia. Curiosamente, a utilización deste sistema de seguridade é unha das recomendacións da Axencia Ferroviaria Europea. “Hai tecnoloxías que poden reducir os riscos do factor humano como é o ERTMS”, salientou Doppelbauer.

O trato recibido polas vítimas por parte das autoridades españolas centrou outra das críticas realizadas na conferencia. “É surrealista que persoas como nós, que non somos delincuentes, sexamos tratados como tal”, denunciou na súa intervención Esperanza Fernández. Ao respecto Ana Miranda expresou a súa indignación “por como foron tratadas as vítimas ao longo destes anos tanto polos cargos do PP como do PSOE e porque non haxa responsabilidades políticas”.

Este trato, segundo as propias vítimas, contrasta co sensibilidade e afecto recibidos nas institucións europeas, hoxe materializados nas palabras de Schmidt e Doppelbauer, quen aseguraron que a conferencia é un xeito de honrar a súa memoria. Nesta liña, as vítimas agradeceron ao BNG e especialmente a Ana Miranda polo seu traballo continuado ao longo destes anos, -así como por abrirlles as portas de Europa- e tamén aos xornalistas que as levan acompañado nestes dez anos na súa loita pola verdade e xustiza.

Completando as múltiples perspectivas desde as que se abordou a seguridade ferroviaria europea tamén interviñeron o secretario xeral do Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (SEMAF), Diego Martín Fernández, e o representante da Federación Europea de Pasaxeiros, Jorge Morera. Nas súas intervencións denunciaron, por un lado, o intento de criminalizar ao maquinista máis alá do erro humano e sen ter en conta os problemas de seguridade da liña, así como os fallos no trato aos pasaxeiros, que mercaron billetes para un tren de alta velocidade cando en realidade era para un tren de velocidade alta ao que se lle desconectara o sistema de seguridade.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG