A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, defende que a apertura do procedemento contra o Estado español por incumprimento das obrigas comunitarias de seguridade ferroviaria anunciada o pasado xoves pola Comisión Europea debe ter consecuencias políticas sobre os exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor. “A terrible neglixencia á hora de inaugurar a liña do Alvia entre Ourense-Santiago, na tramitación da súa seguridade sen control integral de riscos e no incumprimento da normativa europea despois do accidente teñen que ter consecuencias políticas”, salientou Ana Miranda nunha rolda de prensa xunto a presidenta da Comisión de Transportes do Parlamento Europeo, Karima Delli.
Ao seu xuízo, “é evidente que ademais de responsabilidades técnicas na desconexión do sistema de seguridade tamén existen responsabilidades políticas e na non realización de control de control integral de riscos”, polo que reclama a depuración de responsabilidades políticas tanto respecto a José Blanco como Ana Pastor, os exministros que seguen en cargos públicos. “Os maiores responsables de que se incumprira a normativa, antes e agora, non poden quedar impunes”, asegurou, ao tempo que criticou que sexan citados a declarar “a porta pechada” o vindeiro 11 de febreiro na Comisión que se celebra no Congreso. “PP e PSOE manteñen o escurantismo de forma cómplice e non queren que se saiban as causas do accidente”, criticou ao respecto.
Reapertura do caso
Para a eurodeputada nacionalista a decisión da Comisión Europea é suficientemente grave como para que o xuíz de instrución do accidente reabra o caso. Neste sentido considera que a apertura de xuízo contra o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e contra quen no seu momento foi director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte resulta “claramente insuficiente”.
“Despois da decisión da Comisión Europea, o máis lóxico sería a reapertura do caso e que o xuíz abrise xuízo contra o resto de responsables técnicos e políticos”, salienta Ana Miranda, quen lembra que as “terribles consecuencias” que tivo non efectuar o control integral de riscos despois da modificación da liña. Segundo salienta a eurodeputada galega “chegar até o final do caso é a mellor homenaxe que lle podemos facer ás vítimas, que tanto levan loitado e sufrido desde 2013. Elas merece todo o noso apoio e traballo”.
Novas iniciativas
Entre as iniciativas que presentou a eurodeputada do BNG figura a solicitude dun novo encontro coa Comisaria de Transportes do Parlamento Europeo, Violeta Bulc, e a presentación dunha pregunta dirixida á Comisión Europea sobre as deficiencias de seguridade concretas nas que se basea para abrir o procedemento de infracción contra o Estado Membro. Ademais, no documento rexistrado, Miranda pregunta se vai pedir que o Estado español realice unha investigación independente sobre o accidente do Alvia en 2013.
Neste sentido, a presidenta da Comisión de Transportes do Parlamento Europeo, Karima Delli, sinalou que se dirixirá á Comisión Europea e ao Estado español para que se leve a cabo unha investigación independente sobre o accidente. “Seguiremos a apertura deste procedemento e esiximos unha nova investigación independente”, salientou Delli. “Espero que se faga xustiza e que Europa protexa ás vítimas”, engadiu.
Segundo a presidenta da Comisión de Transportes, “o goberno español violou regras comunitarias, regras que hai que respectar porque son ferramentas fundamentais para protexer a seguridade dos viaxeiros”. Salientou, ademais, que un procedemento de infracción só se abre “cando se produce un incumprimento moi grave, e este é un caso que nos tocou a toda Europa”.