Parlamento Europeo

Ana Miranda: “O Parlamento Europeo ten que condenar a impunidade de Israel”

Magrete Auken e Ana Miranda
Magrete Auken e Ana Miranda

A eurodeputada do BNG trasladou á presidenta do PE, Roberta Metsola, a necesidade de garantir o respecto institucional aos membros da Eurocámara

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, compareceu este mércores para explicar que accións levou a cabo en relación a súa expulsión por parte de Israel cando se atopaba no aeroporto de Tel Aviv como parte da delegación oficial da Eurocámara que tiña como misión visitar Palestina. Na súa comparecencia, -xunto á presidenta desta misión, Margrete Auken,-, Miranda destacou o encontro que onte mantivo coa presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, a quen agradeceu a súa solidariedade e a do seu equipo desde o primeiro momento da expulsión.

Neste sentido, a eurodeputada nacionalista deu conta da boa disposición mostrada polla presidenta da Eurocámara para levar a cabo as xestións oportunas para que o veto inxusto de Israel sexa levantado definitivamente e para traballar a favor da independencia dos eurodeputados. “É imprescindible que os eurodeputados teñamos liberdade para exercer o noso traballo cando participemos en delegacións oficiais. Non podemos permitir a inxerencia de terceiros estados nas relacións internacionais do Parlamento Europeo”, manifestou Miranda.

Ao seu xuízo, a acción política das eurodeputadas e os eurodeputados non pode estar sometida a vetos de terceiros países. “Temos que poder exercer o noso traballo con liberdade e plenas garantías de respecto institucional”, manifestou ao tempo que denunciou que o problema radica en que “Israel goza de impunidade internacional mentres comete crimes e violacións dos dereitos humanos, levanta asentamentos como potencia ocupante, e destrúe escolas e casas”.

Neste mesmo sentido expresouse a eurodeputada Margrete Auken, quen acusou a Israel de arrogancia contra o Parlamento Europeo pola súa actuación. “Por que Europa é tan pasiva?”, preguntouse Auken, quen considerou que “non queren que sexamos testemuñas do que vemos alí e volvamos e o contemos”, xa que segundo considerou, se as actuacións de Israel tiveran consecuencias “creo que as cosas poderían cambiar rapidamente”.

Apoio ao pobo palestino

Igualmente, Ana Miranda agradeceu ao BNG e ao grupo Verdes-ALE o seu apoio nesta grave situación. Ao respecto sinalou que o grupo trasladará na Conferencia de Presidentes da próxima semana a proposta para que o Pleno correspondente ao mes de marzo se pronuncie condenando o comportamento de Israel e defendendo a independencia dos eurodeputados no exercicio das súas funcións.

“Xa comentei a semana pasada que a miña expulsión por parte do goberno de Israel non é unha afronta persoal a Ana Miranda, senón que se trata dunha afronta ao propio Parlamento Europeo, ao que representamos, e queremos representar, tras ser elixidos democraticamente”, recalcou a eurodeputada do BNG, quen lembrou que o Ministerio de Interior israelí executou un veto tras a autorización previa que lle concedera o Ministerio de Exteriores de Israel para participar na delegación oficial da Eurocámara.

Por outro lado, Ana Miranda tamén fixo referencia a súa participación onte na delegación de Relacións con Israel, á que solicitou un posicionamento oficial sobre a súa expulsión e que traslade unha queixa ao goberno israelí, tal como se comprometeu a Presidenta Metsola. Ademais, a eurodeputada do Bloque trasladou unha carta ao ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación solicitando a condena do veto e a inxerencia de Israel. “Seguirei defendendo o respecto aos dereitos humanos e a paz e seguirei expresando o meu apoio incondicional ao pobo palestino”, concluíu Miranda.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG