Tras a celebración en Bruxelas da primeira parte da conferencia sobre a auga como dereito (o pasado 21 de marzo), a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organiza en Caldas de Reis, o vindeiro sábado, 4 de maio un novo encontro que baixo o nome de Foro da Auga, xuntará a representantes de diversas plataformas medioambientais galegas, para afondar nos problemas da calidade da auga e do saneamento en Galiza. “Para o Bloque é prioritario acadar o saneamento integral das nosas rías e ríos e así o avalan as nosas iniciativas”, subliña Miranda.
“Temos que escoitar aos colectivos preocupados e afectados pola calidade da auga en Galiza”, explica a eurodeputada galega, tanto no que se refire ás rías, os ríos e o saneamento no eido urbano e os problemas relacionados coa execución de fondos europeos. “Dada a desidia de PP e PSOE, seguimos tendo moito traballo por diante” salienta Miranda, quen considera que que impulsar o saneamento “é un elemento fundamental para o coidado do medio ambiente, pero tamén debemos ser conscientes de que tamén resulta vital para o desenvolvemento de boa parte das actividades produtivas do noso país, para a saúde humana e a loita contra o cambio climático”.
En consecuencia, a eurodeputada do Bloque destaca a relevancia da xornada de traballo que se desenvolverá o vindeiro sábado en Caldas. No encontro, ademais de colectivos medioambientais participarán asemade representantes locais de vilas afectadas por problemas de saneamento, polo que tamén se abordará a falta de solucións para as rías de Viveiro e Cee, de Pontevedra, Vigo, A Coruña, así como dos ríos Támega e Verdugo, entre outros casos concretos.
Segundo salienta, o obxectivo desta iniciativa radica en crear un foro da auga, que se poida celebrar periodicamente, no que se analice polo miúdo a situación das diversas zonas e se acheguen as solucións máis acaídas para cada problemática para presionar aos Gobernos do cumprimento da Directiva Marco da Auga, xa que existen varios procedementos de infracción abertos polo tema de falla de saneamento, control de puríns e polo tanto “é mellor atopar solucións e non seguir pagando multas por incumprimento”.
Ría do Burgo
Miranda lembra que grazas á demanda do BNG a Comisión de Peticións, da que a eurodeputada galega é titular, na súa sesión de xaneiro optou por manter abertas as peticións referidas ás rías galegas, despois de que o Parlamento Europeo elaborara un informe no 2013, por entender que non hai aínda saneamento integral.
No tocante á ría do Burgo, seis anos despois da visita da delegación de eurodeputados e eurodeputadas, a ría segue sen dragar, sen retirar os lodos e sen analizar por que se produce esa excesiva sedimentación. “Temos un gran problema medioambiental, pero tamén económico e laboral”, manifestou, lembrando que nesta ría houbo máis de 2.000 mariscadoras en activo, mentres que neste momento son 81 as persoas que se dedican á actividade extractiva. Ao respecto, critica “os anuncios electoralistas feitos un día polo goberno e replicados ao día seguinte polo mesmo goberno”. “Está claro que falta vontade política real para que Galiza conte cun saneamento integral das súas augas”, defende.