Tras a súa expulsión por Israel o pasado martes no seu exercicio como eurodeputada do BNG integrante dunha misión oficial do Parlamento Europeo, Ana Miranda compareceu para explicar as diversas iniciativas que levará a cabo para que a Eurocámara exprese unha firme condena desta decisión “unilateral, inxusta e arbitraria”, con medidas directas co Estado de Israel co obxectivo de acadar o levantamento do veto “imposto inxustamente”.
“O que aconteceu vai máis alá dos dereitos do pobo palestino, é unha discriminación, é unha afrenta diplomática a unha eurodeputada que exercía as súas funcións como representante do BNG nunha delegación oficial. É unha afrenta ao Parlamento Europeo”, subliñou Ana Miranda, quen explicou que a primeira iniciativa que desenvolverá será o envío dunha carta á presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, para solicitarlle unha reunión urxente na que trasladarlle persoalmente estas solicitudes. Ademais, a eurodeputada nacionalista sinalou que tamén pedirá á Delegación de Relacións con Israel do PE para que publique un comunicado no que explique por que non defendeu a unha deputada integrante desa delegación.
“Hai que pedirlle explicacións a Israel de por que veta a un membro do Parlamento Europeo e por que interfire na plena acción política dunha cámara”, sinalou Miranda, quen considerou que tanto a Eurocámara como o Ministerio de Exteriores español ten que elevar unha queixa formal a Israel e pedir que se retire o veto imposto inxustamente por ter participado hai anos nunha misión humanitaria.
Por outro lado, avanzou que na vindeira sesión plenaria da Eurocámara solicitará que se efectúa unha declaración “para que se permita o exercicio libre, sen interferencias de estados terceiros”, dos membros que participan en delegacións oficiais do Parlamento Europeo. “Non é de recibo que se permita que haxa membros do Parlamento Europeo que están metidos en casos de corrupcións como o Moroccogate ou Qatargate, e a xente que somos honesta e que facemos o noso traballo en delegacións oficiais na defensa dos dereitos humanos se nos impida o exercicio da nosa función institucional”, considerou.
Declaración de condena unánime
Neste sentido agradeceu a primeira declaración institucional aprobada en Galiza de condena unánime destes feitos, aprobada no Concello de Rianxo. “Isto non é unha afrenta á eurodeputada do BNG, non é unha afrenta a Ana Miranda, é unha afrenta a un representante electo do Parlamento Europeo”, salientou, ao considerar que se trata dunha “afrenta diplomática” a unha representante da Eurocámara nunha delegación oficial.
Agradeceu, igualmente as numerosas mostras do apoio e solidariedade que recibiu xa no aeroporto de Tel Aviv, comezando polo propio BNG, -e o deputado Néstor Rego, quen presentou unha iniciativa esa mesma mañá- os medios de comunicación, as institucións –o Parlamento Europeo e a súa presidenta, Roberta Metsola, a Comisión Europea, o grupo de Verdes-ALE, e o Goberno español, a través do Ministerio de Exteriores-, e cidadanía anónima de todo o mundo. “Que mágoa que o Goberno galego non dixera nada por unha eurodeputada galega”, comentou ironicamente.
“Israel está afeita a abusos, a impunidade, á política de aparheid e asentamentos, a política de masacres como vimos estes días en Nablus, e por iso que o Parlamento Europeo e o Goberno español deben esixir aos seus interlocutores israelitas un respecto institucional”, manifestou Ana Miranda, quen alertou de que a súa expulsou “senta un precedente que non pode volver a repetirse, xa que os membros do Parlamento Europeo temos que poder exercer a nosa función cando imos nas delegacións oficiais”.
Neste sentido apuntou que como integrante da Delegación de Relacións con Palestina en misión oficial da Eurocámara contaba con autorización previa outorgada a semana pasada polo ministerio de Exteriores de Israel, que foi revocada ad hoc polo ministerio de Interiores a súa chegada ao aeroporto de Tel Aviv. “Houbo unha discrepancia entre Exteriores e Interior, entre a dereita e a extrema dereita do Goberno israelí”, sinalou a eurodeputada do Bloque. “Non nos van a calar na defensa dos dereitos humanos nin nos van intimidar coas expulsións”, concluíu.