Ana Miranda insta ao goberno estatal a defender en Bruxelas o recoñecemento das confrarías no sector pesqueiro galego

Ana Miranda
Ana Miranda
O BNG defende que o Regulamento de Control da Pesca da UE recolla a singularidade da galega

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salientou a necesidade de que o papel das confrarías sexan recoñecidas como actores fundamentais na toma de decisións no sector pesqueiro e instou ao goberno estatal a defendelo nas institucións europeas. “Desde o Bloque presentamos diversas preguntas á Comisión sobre esta cuestión e sempre nos responde que ten que ser o Estado Membro quen ten que facer este recoñecemento”, explicou Miranda na xornada “Actores na protección e control do medio mariño”, que hoxe ten lugar no Pazo de Mariñán.

“Madrid non quere que se recoñezan as confrarías, porque senón xa estarían recoñecidas”, sinalou a eurodeputada nacionalista na súa intervención. Por outro lado defendeu a revisión do Regulamento de Control Pesqueiro, de forma que recolla a singularidade da frota galega. Criticou a estratexia da Comisión Europea a respecto da PPC e indicou que “hai un interese comercial de excluír a pesca galega, porque senón non se entenden as decisións que a adopta o comisario desde un despacho” a respecto de aumentar os controis de control da pesca artesanal.

Segundo Ana Miranda, estas decisións son tomadas desde a “total ignorancia” da pesca e o marisqueo galegos e ante a pasividade dos gobernos galego e estatal. “Levamos anos sabendo as liñas por onde ía ir o Regulamento de Control, que se empezou a tramitar no 2018”, comentou, ao tempo que defendeu a necesidade de “anticipación” antes os feitos consumados que presenta a Comisión. “Hai que anticiparse e loitar por que por manter os intereses dos demais non sigamos perdendo nós”, subliñou.

Apoio do Bloque ao sector nas protestas

Neste sentido criticou a visita realizada a Galiza o pasado ano polo Comisario de Pesca da UE, Virginijus Sinkevicius, nas que defendeu o aumento de controis da pesca artesanal, ignorando as condicións de traballo e as demandas da frota artesanal galega. Lembrou asemade que o BNG ten manifestado en reiteradas ocasións a súa defensa da exclusión da pesca artesanal galega dun incremento dos controis, referidos tanto á obriga de declarar telematicamente as súas capturas antes de entrar a porto e de instalar cámaras a bordo en embarcacións de menos de doce metros de eslora para controlar a obriga do desembarque das capturas. “Ter ao gran irmán metido no barco non é de recibo”, apuntou, ao tempo que recordou que o Bloque participou nas protestas que se desenvolveron nos portos en contra deste regulamente e presentou iniciativas nos tres parlamentos na defensa dos intereses do sector pesqueiro e marisqueiro galego.

Por outro lado, a eurodeputada do Bloque expresou o seu compromiso a seguir defendendo na Eurocámara os sectores produtivos galegos e presentou a posibilidade de impulsar a visita dunha delegación da Comisión de Pesca que veña disposta “a falar coas confrarías e visitar os portos”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG