Ana Miranda denuncia que a Xunta non quere empregar fondos propios para as axudas á produción ecolóxica

reunión Comisión Europea produción ecolóxica
reunión Comisión Europea produción ecolóxica
O BNG desenvolve unha ofensiva no Parlamento galego e europeo para poñer en valor o traballo dos produtores en ecolóxico

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, critica que a Xunta de Galiza non queira empregar fondos propios para potenciar a produción ecolóxica, tal e como se desprende do encontro mantido na Comisión Europea pola eurodeputada nacionalista e o representante da Plataforma de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galiza, Roi López Carmona, coa Directora Xeral para os Plans Estratéxicos da PAC, Carmen Christina Borchmann, e a Responsable de programas para o Estado español da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento RuraI, Carmen Calderón Gutierrez.

Segundo explica Miranda, esta reunión “permitiu constatar que a Xunta non quere utilizar fondos propios, xa que todos son europeos”, mentres que grazas á pregunta parlamentar rexistrada polo BNG o 26 de decembro, a Comisión Europea investigou se a Xunta de Galiza cumpre os requisitos que lle esixe Bruxelas para a produción ecolóxica, que está moi por debaixo da media europea, ao situarse en menos do 5%.

“Que non veña agora o conselleiro dicindo que as axudas son grazas á Xunta, porque son axudas que veñen de Europa”, critica a eurodeputada do Bloque en relación a pésima xestión do goberno galego das axudas á produción ecolóxica. Lembra que na convocatoria de 2022 só foron orzamentados en Galiza 3,18 millóns de euros, cando eran necesarios 5,6 millóns para poder cubrir o total das solicitudes presentadas, o que deixou fóra das axudas o 43% das hectáreas solicitadas.

“Curiosamente o día seguinte á reunión que mantivemos na Comisión coa Directora Xeral para os Plans Estratéxicos da PAC e a Responsable de programas para o Estado español da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento RuraI, recibimos a resposta a nosa pregunta por parte da Comisión”, apunta Ana Miranda, quen destaca o traballo realizado polo Bloque na posta en valor dos produtores en ecolóxico. Precisamente en decembro Ana Miranda, a deputada Carmen Aira e o deputado Xose Lois Mini Rivas mantiveron un encontro en Lugo cunha nutrida representación deste colectivo afectado. “Grazas a nosa pregunta parlamentar e o traballo de ambos deputados no Parlamento Galego descóbrese a falta de vontade política e de compromiso por parte da Xunta cos produtores de ecolóxico”, subliña Miranda.

Bruxelas sabe do problemas grazas ao Bloque

Por outro lado, a eurodeputada do BNG critica a falta de transparencia da Xunta, xa que na resposta á pregunta, a propia Comisión recoñece que “non está ao corrente do problema sinalado de falta de fondos dispoñibles para cubrir a demanda na última convocatoria de 2022 relativa á produción ecolóxica en Galiza”. “É evidente que Bruxelas soubo da problemática grazas pregunta do BNG no Parlamento Europeo e a reunión do representante dos produtores en Bruxelas”, salientou Ana Miranda.

“Reafirmámonos en que non queremos titulares nin publicidade, senón que se cumpran os obxectivos que marca Bruxelas, que son o 25% de agricultura ecolóxica até 2030 e non o escaso 5% que temos agora”, manifesta a eurodeputada do BNG, quen ademais considera que a produción ecolóxica “é una ferramenta axeitada para loitar contra o despoboamento no rural, parar acadar rendas xustas para os produtores e pola soberanía alimentar de calidade”.

Diante do desleixo da Xunta, Roi López salienta a importancia de vir a Bruxelas a trasladar os problemas do sector e contar de primeira man a mala xestión do goberno galego. “É triste que dous altos cargos da Comisión Europea nos reciban antes que o conselleiro”, salientou.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG