Ana Miranda denuncia na Comisión de Pesca da Eurocámara as consecuencias para Galiza do veto en 87 caladoiros no Atlántico

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada nacionalista traslada o malestar existente no sector pesqueiro galego e propón que participe directamente nunha sesión

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo as consecuencias inadmisibles do veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico adoptado pola Comisión Europea. “Lamento ter que comezar o meu traballo na Comisión de Pesca rexeitando a decisión unilateral tomada pola Comisión Europea o pasado 15 de setembro”, manifestou Ana Miranda na súa intervención, quen salientou que para o sector pesqueiro galego trátase dunha decisión inaceptable, ao ser adoptada sen ter en conta o criterio socioeconómico.

“De verdade que non coñece a Comisión as graves consecuencias que ten esta decisión para o sector pesqueiro galego?”, sinalou Ana Miranda, quen apuntou que a pesca en Galiza supón preto do 6% do PIB e que esta medida afecta a 200 barcos de capital galego e 900 de forma indirecta, con máis de 4000 tripulantes afectados, e un impacto económico de case 900 millóns de euros, sendo os portos de Vigo, Ribeira, A Coruña e Celeiro os máis afectados, así como toda a cadea pesqueira.

“Non só é inaceptable que a Comisión decidira prohibir a pesca de fondo nestas áreas, tamén resulta inadmisible a súa negativa a debater a decisión tendo en conta as consecuencias para a frota”, criticou Miranda, quen considera que non é de recibo que o Comisario de Pesca dixera a semana pasada que esta prohibición se revisará no mes do novembro cando vai entrar en vigor o vindeiro 9 de outubro sen utilizar un criterio científico actualizado. Neste sentido sinalou que o informe empregado non tivo en conta a análise do palangre de fondo.

Escoitar ao sector

A eurodeputada nacionalista trasladou á Comisión o malestar existente no sector pesqueiro galego e puxo no seu coñecemento as mobilizacións convocadas proximamente nos portos galegos. Co obxectivo de facer fronte a esta situación, propuxo a creación dunha rede de eurodeputadas e eurodeputados das zonas afectadas e que se convide ao sector pesqueiro a participar na propia Comisión de Pesca para que se expresen “xa que no foron escoitados”.

“Estamos escandalizados ante esta decisión”, subliñou a eurodeputada nacionalista, ao tempo quen lembrou que onte no Parlamento Galego se aprobou un texto de forma unánime en contra da decisión da Comisión Europea e solicitando que rectifique e anule a prohibición da pesca de fondo.

Por outro lado, a eurodeputada do BNG criticou a toma de decisións da Comisión Europea a respecto do impacto do Brexit e da reserva de axuste. “O argumento de que Reino Unido poida tomar decisións unilaterais é unha escusa, e a Comisión non defende ao sector pesqueiro como debería”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG