parlamento europeo

Ana Miranda: “Deben aumentar os fondos europeos para financiar a transición enerxética do sector pesqueiro”

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG participa nas xornadas internacionais de pesca organizadas por ORPAGU

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, defendeu o aumentos dos fondos europeos para que a industria pesqueira poida financiar a transición enerxética, xa que ao seu xuízo “non é normal que a frota galega teña que pagar o prezo dunha transición que lle vén imposta”. Ademais, durante a súa participación das xornadas internacionais de pesca organizadas por ORPAGU, destacou que neste proceso, a frota palangreira non debe ser discriminada, senón que debe contar co apoio suficiente para poder realizar a transición de forma eficiente.

“A frota galega pesca de forma sostible nos océanos de todo o mundo, proporcionando un produto de alta calidade, polo que debería recibir apoio para lograr a transición enerxética”, salientou Ana Miranda, quen sinalou que no contexto actual é “evidente” a importancia de avanzar na construción de barcos máis eficientes propulsados por enerxías alternativas, tanto en termos medioambientais como de rendibilidade da frota a longo prazo.

Por outro lado, considerou que neste proceso de adaptación é necesario ter en conta a capacidade da frota, “non vaia ser que se use para diminuír a frota galega”, así como as súas repercusións na pesca e no marisqueo, xa que segundo destacou son subsectores totalmente sostibles. Neste sentido a eurodeputada do BNG criticou que o Pacto Verde Europeo non ten en conta o sector pesqueiro galego, xa que foi excluído da folla de ruta do hidróxeno, que só se aplicou ao transporte terrestre, pero non tivo en conta á frota pesqueira. “O sector pesqueiro non lle importa a Europa”, denunciou.

“Polo tanto, está claro que se deben proporcionar os fondos adecuados para axudar á industria a innovar e modernizarse”, subliñou a eurodeputada galega, quen apuntou que o paso a enerxías alternativas non debe contemplarse de forma illada. “Deixar de empregar os combustibles fósiles na frota debe considerarse dentro do contexto global da Política Pesqueira Común”, manifestou ao respecto, ao tempo que defendeu o impulso de reformas máis amplas da política pesqueira da UE que vaian máis alá de instar á frota a innovar.

Críticas á PPC

A eurodeputada nacionalista lembrou que no pasado mes de febreiro, a Comisión publicou unha comunicación detallando os seus puntos de vista sobre a transición enerxética no sector da pesca e a acuicultura. Este documento destaca a ambición do Acordo Verde Europeo para que a UE sexa neutral en carbono para 2050, e subliña o papel do sector pesqueiro para logralo e sinala que o forte impacto dos prezos do combustible no sector (o 66% da frota a gran escala deixou de ser rendible en 2022 como resultado do aumento dos costes do combustible).

“Lamentablemente a comunicación da Comisión non ofrece cambios reais na política pesqueira e a Comisión sigue negándose a levar a cabo unha revisión completa da PPC que teña en conta os aspectos económicos, sociais e de emprego”, denunciou Ana Miranda. Na Eurocámara criticou en reiteradas ocasións a negativa da Comisión a realizar modificacións na PPC, xa que a actual Política Pesqueira Común “non tivo os efectos desexados” dez anos despois da súa reforma e, pola contra, tivo efectos moi negativos nunha nación eminentemente pesqueira como é Galiza, como son as continuas reducións de frota e as trabas administrativas coas que se atopan os donos das embarcacións.

Ao seu xuízo, fronte a esta posición inmobilista da Comisión, “o cambio a enerxías alternativas debe brindar oportunidades ademais de desafíos” e apuntou que a frota galega móstrase disposta a innovar, como demostra a experiencia co "Balueiro Segundo". Segundo apuntou Miranda, as regulacións actuais de EMFAF permiten que os cartos se para o desenvolvemento en tecnoloxías baixas en carbono e enerxeticamente eficientes, “mais atopamos que os criterios son demasiado restritivos, en particular para os barcos de máis de 24 metros, o cal discrimina a frota palangreira galega”.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG