Parlamento Europeo

Ana Miranda: “No BNG imos ter unha posición moi activa para que a nova PAC teña en conta os intereses galegos”

Encontro BNG Vía Campesina
Encontro BNG Vía Campesina
A eurodeputada do BNG, a deputada Sonia Vidal e o deputado Secundino Fernández reuníronse coa Coordinadora Europea da Vía Campesina.

No marco das xornadas de traballo sobre o sector agrogandeiro galego organizadas polo BNG no Parlamento Europeo, a eurodeputada Ana Miranda, a deputada e o deputado no Parlamento Galego, Sonia Vidal e Secundino Fernández, mantiveron hoxe un encontro cos representantes da Coordinadora Europea da Vía Campesina, Ivan Mammana e Leonie Wolff, no obxectivo de “tecer alianzas europeas”.

“Neste momento que a Comisión Europea ten que lanzar o 19 de febreiro a posición da UE sobre a agricultura, o BNG vai desenvolver unha ofensiva nos diferentes parlamentos”, avanza Ana Miranda, quen salienta que no Parlamento Europeo “imos ter unha posición moi activa para que se teñan en conta os intereses galegos”, xa que segundo salientou que a PAC “é un tema fundamental do noso país”.

Sonia Vidal explicou que como integrante do comité coordinador de Vía Campesina antes de ser deputada, a reunión celebrada hoxe é importante para establecer un “diálogo constante e continuo coa nosa eurodeputada do BNG”. Sinalou que no encontro se abordou o próximo período da PAC “tan importante para as nosas labregas e labregos da Galiza e o que pode significar para todas elas”.

“Estamos nun período de estudo e análise para os anos vindeiros no que volve aplicarse a nova PAC, moi importante para o noso país”, incidiu o deputado Secundino Fernández, quen considerou de suma importancia ter contacto con todas as organizacións agrarias que traballan no Parlamento Europeo “para loitar en Europa para que sexa axeitada aos intereses dos nosos gandeiros e gandeiras, dos nosos labregos e labregas”.

Avaliación do impacto do Mercosur

Neste sentido, as nacionalistas alertaron do risco de que a nova PAC vaia en contra da gandería tradicional, as explotacións vinculadas as familias. “Temos que loitar para que vaia en beneficio das nosas explotacións”, subliñaron. Na reunión mantida coa Coordinadora Europea da Vía Campesina tamén abordaron as consecuencias do tratado UE - Mercosur para o sector agrogandeiro europeo. Ao respecto puxeron de releve o impacto do Mercosur na apicultura galega, que segundo aseguraron “é preciso avaliar polo miúdo”.

 


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG