A deputada, Carme Adán pediu ao director do Igape incorporar a perspectiva de xénero na Unidade Galiza emprende para incentivar o emprendemento feminino e desconxelar a Lei de Traballo en Iguladade
Adán salientou que as mulleres, sobre todo as máis mozas e maiores de 45 anos, vénse obrigadas a buscarse a vida ou como lle chama a Xunta emprendemento porque as mulleres resúltalles moi difícil volver ao mercado laboral, á marxe da súa formación.
Os datos sobre mulleres asalariadas, dixo a deputada, son aterradores e confirman que dende o ano 2009 ate hoxe hai 51 mil mulleres activas menos, 30.400 mulleres perderon o seu emprego e das que non o perderon 53.100 pasaron a realizar unha xornada parcial con grande precariedade. En Galiza dende o 2009 aumentou nun 20% o número de mulleres que cobran menos da metade do salario mínimo interprofesional. A taxa de actividade, engadiu, sitúase en dez puntos menos e a fenda salarial sitúase no 22%.
Por outra parte, criticou, temos unha Lei de Traballo en Igualdade conxelada a pesar de que a propia lei obriga á elaboración dun plan de emprego feminino que aínda non se estableceu.
A parlamentaria lembrou que na Unidade de Galiza emprende tiña que ter incorporada a perspectiva de xénero e cun rango administrativo e persoal especializado en emprendemento feminino para o asesoramento e acompañamento polo que volveu a preguntar, que medidas adoptou a Unidade para incentivar o emprendemento feminino e cantas empresas foron creadas e con que perfil.
O IGAPE elude responder sobre medidas concretas dirixidas ao emprendemento feminino
Pola súa parte, o director xeral do IGAPE, Javier Aguilera afirmou que tras a aprobación da lei de emprendemento a finais do 2013 a Consellería de Industria ten dado un novo impulso tanto no ámbito dos servizos como de ferramentas de formación, asesoramento e instrumentos financeiros para a posta en marcha de novos proxectos empresariais. A Xunta, engadiu, tamén iniciou unha oferta de formación no ensino para espertar no alumnado a vocación e espírito emprendedor.
Aguilera asegurou que dende Galiza emprende foi reforzado o acompañamento ás persoas emprendedoras avaliando os seus proxectos e colaborando para que proxectos atoparan o financiamento axeitado.
A parlamentaria do BNG considerou que o responsábel do IGAPE non respondeu as cuestións formuladas na pregunta polo que reiterou o seu interese por coñecer se dende a Unidade Galiza emprende se está a realizar un traballo específico para ese acompañamento e se é baixo unha perspectiva de xénero. Cando é creada a Unidade Galiza emprende para o acompañamento e elaboración de plans de empresas debería estar presente o Programa EMEGA e esa era a nosa pregunta, dixo a deputada, queremos saber se existe algunha medida concreta para incentivar o emprego feminino porque de non ser así, seguirán producíndose grandes diferenzas entre o emprendemento feminino e o masculino tanto nos tipos de empresas como investigación ou exportación.
Finalmente, a parlamentaria pediu ao director do IGAPE que incorporara a perspectiva de xénero na Unidade Galiza emprende co fin de impulsar o emprego feminino.