Acto en defensa da lingua en Lugo: Non máis muros contra o galego!

Ana Pontón na concentración en defensa do galego na Pza Maior de Lugo

Ana Pontón na concentración en defensa do galego na Pza Maior de Lugo

Acto de reivindicación en defensa do galego tras a sentenza do TSXG contra a ordenanza municipal que regula o uso do noso idioma no Concello de Lugo, tras unha denuncia presentada por Galicia Bilingüe, que implica a derogación parcial dunha normativa pese a ter sido aprobada por unanimidade co apoio de todas as forzas políticas en pleno.

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na concentración convocada pola plataforma Queremos Galego ante a casa do concello, onde lamentou que nun momento en que o idioma propio está perdendo falantes se ergan “novos muros” contra a lingua propia.

“Nun momento crítico para o noso idioma, é inexplicable que desde o ámbito da Xustiza se queiran erguer novos muros contra a normalización”, lamentou Pontón, quen asegurou que para o BNG o galego “é o que máis nos une”. “Tanto desde a Xustiza como desde a Xunta deben deixar a política de acoso ao galego, cando o que precisa é apoio, porque é un elemento que nos une e que nos permite ter voz propia no mundo”.

Pontón avanzou que o Bloque vai desenvolver iniciativas políticas desde os concellos a favor do idioma, e demanda da Xunta e do poder xudicial “que deixen de levantar muros contra a lingua galega e se poñan do lado da legalidade e do dereito que temos a poder usar a noso idioma con normalidade”, argumentou.

Na concentración de apoio ao galego tras a sentenza do TSXG, paticiparon numerosos responsables políticos do Bloque, como o portavoz municipal, Rubén Arroxo, quen salientou a total normalidade coa que se aplicou a ordenanza do galego desde a súa entrada en vigor fai catro anos.

“Non provocou nin unha soa queixa, porque a sociedade de Lugo está de acordo en promover o uso do galego que é parte da nosa cultura, nunha cidade onde se fala galego. Non entendemos como un tribunal de fora nos ten que vir dicir que idioma temos que usar as persoas de Lugo e nos diga que idioma ten que usar a institución. Non é de recibo, e desde o BNG imos facer o posible para usar o galego con normalidade”, salientou Arroxo.

Ana Pontón na concentración en defensa do galego na Pza Maior de Lugo

Preguntada pola candidatura nacionalista ás eleccións galegas, a tamén deputada Ana Pontón explicou que será a militancia do Bloque quen decida cal debe ser a cabeza de cartel electoral, nunha cita coas urnas na que a formación nacionalista quere ser unha peza clave na derrota das políticas da dereita, que en Galiza representa o PP e o goberno de Feijóo, “que condenan a tantas persoas ao paro, á precariedade e á emigración”. Avanzou o diálogo con outras forzas políticas e en particular con colectivos sociais e persoas a título persoal, desde unha premisa clara, “que haberá candidatura nacionalistas nas próximas eleccións”.

Interpelada tamén pola actuación xudicial na Deputación de Lugo, Pontón subliñou a necesidade de que a xustiza actúe ata as últimas consecuencias pero con “celeridade” para aclarar calquera tipo de imputación. “A xustiza ten que ser rápida e non eternizar os procesos”, indicou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG