O Parlamento de Galiza aprobou hoxe, a iniciativa do BNG, reclamar ao Goberno do Estado o mantemento dos 1.400 MW de evacuación da central térmica de As Pontes e a convocatoria urxente do concurso de transición xusta para a adxudicación de 700 MW dos grupos 3 e 4 deste nó co mesmo procedemento empregado na central de Andorra-Teruel, mantendo dispoñíbeis para o sistema os dous grupos restantes “até que non se garantan as condicións socioconómicas precisas para unha verdadeira transición coa execución dos proxectos alternativos de continuidade, momento no que a súa capacidade tamén será obxecto de concurso”.
Foi así mesmo aprobada, segundo se recollía na proposición non de lei do BNG, reclamar a convocatoria inmediata da Mesa de transición xusta das Pontes, “coa participación de todos os seus integrantes e unha representación de Redeia como operador do sistema”.
Porén, o PP rexeitou a terceira petición da iniciativa defendida polo deputado Ramón Fernández Alfonso, para que a Xunta realice as actuacións necesarias para a paralización inmediata do proceso de negociación do ERE da empresa Ainsa, buscando unha solución alternativa aos despedimentos ou a recolocación do persoal afectado nas empresas que están a promover proxectos industriais nas Pontes.
Na defensa da súa iniciativa, xusto nas vésperas da folga xeral nas Pontes convocada pola CIG e apoiada polo BNG, Fernández Alfonzo constatou que a transición enerxética está sendo “unha fraude” nas Pontes, vila que continúa sen ter un plan de reindustrialización catro anos despois de terse anunciado. “O que había planificado, o que había comprometido, o que nos venderon como a mellor baza para garantir unha transición xusta, o concurso para adxudicar os nós de acceso á Rede Eléctrica, que precisamente denominaron nós de transición xusta, a xoia da coroa... desapareceu sen explicacións e, o que é aínda peor, sen Plan B”, denunciou.
É por iso que insistiu na reivindicación deste concurso de transición como “único mecanismo que ofrece garantías” fronte ás dúbidas que xeran todos os grandes proxectos industriais que prometen para a zona miles de postos de traballo. Referiuse, neste sentido, á planta de Sentury para fabricar pneumáticos nas Pontes, ao proxecto de Reganosa para producir hidróxeno verde, ás centrais hidráulicas de bombeo, ao anuncio dunha empresa norueguesa para fabricar amoníaco ou mesmo ao plan de Ence ao que vén de dárselle publicidade nos medios de comunicación.
“Todo son dúbidas nas Pontes”, lamentou o deputado de Ferrolterra, que insistiu en que o concurso de transición prometido daría seguridade e certezas e, ademais, implicaría “ter un goberno tomando decisións dun xeito motivado e transparente, incluíndo criterios sociais e non só un interese empresarial particular”.
Transición gradual, non traumática, tamén en Einsa
Ramón Fernández Alfonzo subliñou, por outra banda, que “para que a transición sexa real e non un fraude” ten que facerse de maneira que non sexa traumática, abordándoa gradualmente para garantir o emprego. De aí que o BNG defenda manter polo de agora dispoñíbeis dous dos grupos da térmica como vía para garantir o emprego do persoal das auxiliares e evitar os traslados de traballadores de Endesa.
Neste punto, referiuse explicitamente ao ERE de Einsa, que vén de anunciar o despedimento colectivo de máis de 150 persoas, para emprazar á Xunta a exercer as súas competencias en materia laboral promovendo a suspensión do proceso e participando na negociación entre empresa e traballadores e traballadoras co obxectivo de garantir a recolocación dos mesmos. “Non parece extravagante facelo cando estamos nun proceso de transición e diante dos anuncios de grandes proxectos industriais”, considerou
Centro de I+D+i para almacenamento de enerxía e unha empresa pública de enerxía
Do mesmo xeito, o deputado do BNG instou á Xunta a asumir e exercer as súas competencias en materia industrial e enerxética. “O gran compromiso orzamentario do PP coa reactivación industrial é a quincuaséxima lei de simplificación administrativa. Estalles quedando o folio en branco de tanto simplificar”, ironizou.
Reclamou así ao Goberno do PP compromisos reais con partidas nos orzamentos e, ante a inactividade da Xunta, propuxo as alternativas do Bloque, que pasan en primeiro lugar por impulsar nas Pontes un centro de I+D+i para almacenamento de enerxía, “un paso fundamental para deixar de ser só provedores de enerxía barata e selo tamén de tecnoloxía e, ao tempo, funcionar como polo de atracción de empresas”.
A outra proposta do BNG consiste na creación dunha empresa pública galega de enerxía que, explicou o deputado nacionalista, funcionaría como o “mellor socio” da Xunta para “esta vez si, poñer os recursos enerxéticos do País ao servizo do seu desenvolvemento económico e social”.