2.400 militantes e simpatizantes están inscritos para participar na XVI asemblea nacional do BNG

rolda
  • As bases presentaron 296 emendas ás teses políticas que aprobará mañá o Consello Nacional xunto cunha proposta de nova dirección do Bloque

A unha semana de celebración da XVI Asemblea Nacional 2.100 militantes e 300 simpatizantes xa realizaron a inscrición para participar na gran cita asemblearia das bases que, tras un intenso debate presentaron 296 emendas ás teses políticas e organizativas, 14 propostas ao informe de xestión da dirección saínte e 38 suxestións para actuacións futuras da organización.

Ningunha emenda á totalidade dos textos, nin tampouco ningún voto particular foi elevado nesta ocasión polas bases ao Consello Nacional, que maña aprobará todos os relatorios que serán sometidos a debate e votación final na XVI Asemblea Nacional dos días 35 e 26 de marzo.

“Son emendas que enriquecen os textos e que dan lugar as teses máis traballadas e debatidas do BNG na súa historia”, indicou o secretario de Comunicación, Rubén Cela, en relación ao Proceso Adiante de reformulación e actualización do proxecto nacionalista desenvolvido ao longo do último, no que participaron arredor de 2.000 militantes e simpatizantes.

O Consello Nacional tamén aprobará mañá unha proposta de candidatura para a nova dirección con 50 integrantes, dos que os 19 primeiros corresponderían á Executiva nacional. A candidatura, conformada en base aos 137 nomes enviados desde as comarcas, será sometida a votación na Asemblea Nacional pola totalidade das bases.

A  Asemblea Nacional comeza o sábado cun encontro coas delegacións internacionais convidadas, “onde se fará unha posta en común tanto a nivel internacional como a nivel de Estado con forzas políticas nacionalistas de Euskadi e Catalunya, e determinar que estratexia conxunta podemos adoptar con esas forzas”, indicou a responsable de Organización, Goretti Sanmartín.

Respecto e agradecemento

Preguntados polos medios sobre a baixa como militante de Xavier Vence, o BNG transmite o seu respecto e o seu recoñecemento ao traballo e as aportacións feitas polo que fora portavoz nacional nunha etapa de moita dificultade.

“Respecto a decisión de Xavier aínda que nos gustaría que fose doutra maneira porque son dos que pensa que no BNG non sobre ninguén senón que se constrúe sobre todo coas ideas, esforzo e entrega da militancia”, salientou Cela, quen fixo un recoñecemento expreso ao traballo de Vence.

“É absolutamente recoñecido polo BNG o traballo realizado por Xavier, tanto no ámbito económico como especialista de prestixio como no ámbito político e organizativo, asumindo a Portavocía nacional nun momento complexo, encabezando unha dirección que fixo un traballo difícil nun contexto nada doado”, explicou, “recoñecemento e agradecemento polo seu traballo como portavoz nacional e como de militante”.

Cela salientou as altas de persoas que se sumaron nos últimos meses, -máis de 800 desde as eleccións galegas-,  e reiterou que “un proxecto de país sen dependencias, como o que representa o Bloque, é máis necesario ca nunca”, concluíu Cela.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG