Xornada sobre saída á crise económica e soberanía

“Esta Asemblea Nacional será un punto de inflexión, un punto e á parte, para camiñar cun rumbo claro a prol da soberanía, a democracia e o traballo deste País”, afirmou Guillerme Vázquez

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, o secretario de Relacións Institucionais, Francisco García, e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, protagonizaron unha xornada de traballo sobre soberanía e saídas á crise económica coas delegacións convidadas á XIV Asamblea Nacional do BNG, xunta a representantes de organizacións galegas, sindicatos, asociacións culturais, ecoloxistas e do ámbito agrario e forestal.

“Coa presenza das delegacións políticas que nos van acompañar na Asemblea Nacional do BNG”, dixo Guillerme Vázquez en declaracións aos medios ao comezo do acto organizado no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, “aproveitamos para organizar esta xornada de traballo para debater por onde hai que camiñar para lle dar saída a esta situación de crise económica, social e política onde nos meteu, dende a Unión Europea, o Estado Español”.

“Para o BNG, que comparte opinión con outras organizacións políticas, unha das cuestións fulcrais para poder avanzar na solución desta crise é a soberanía, autogoberno e capacidade de decisión para poder rachar coas políticas neoliberais e, dende logo, para poder facer unha política diferente autocentrada no caso galego e a prol do noso País e das clases populares”, sinalou.

Preguntado por xornalistas sobre a XIV Asemblea Nacional, afirmou que será “un punto de inflexión” coa oferta dun novo proxecto do BNG renovado na súa liña política e na súa dirección, co obxecto de conseguir ilusionar a boa parte da sociedade galega. “Será un punto de inflexión, un punto e á parte, para camiñar cun rumbo claro a prol da soberanía, a democracia e o traballo deste País”, concluíu.

Entre as delegacións convidadas, figuran a Federación PSM-Entesa, Aralar, Sortu, Amaiur, EAJ-PNV, PCP, Bloco da Esquerda, Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común, Adega, AGAL, CIG, Comités, FRUGA, Liga Estudantil Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG