O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, votou ás 10:30 horas en Vidan, Santiago de Compostela, onde fixo un chamamento á participación masiva da cidadanía pola importancia destes comicios e como oportunidade de construír outro modelo de Europa no que derrotar aos poderes na sombra que a gobernan. Neste sentido, alertou sobre as consecuencias da abstención.
Espero que sexa un día en que a cidadanía vote dun xeito masivo porque nos xogamos moito, e que voten como galegos e galegas, instou Vence. Espero que todo o mundo sexa consciente de que unha abstención é un voto para os poderes na sombra que queren gobernar Europa, para a Troika, para a gran banca, para os Botín.
Espero que ninguén renuncie ao seu dereito ao voto, que podamos dicir que houbo unha gran participación e que poidamos dicir que hai unha gran ilusión por un proxecto diferente para Europa, concluíu.
No mesmo sentido, a cabeza de lista do BNG, Ana Miranda, fixo un chamamento a todos os galegos e galegas para ir votar e evitar que ganen os de sempre, para evitar que outras decidan por nós.
Salientou a importancia destas eleccións porque está en xogo o noso futuro como persoas e como pobo e, neste contexto, é imprescindible ter un voz propia en Europa para que defenda o país e á xente do país.
Os galegos e as galegas xogámonos poder vivir e traballar na Terra, por iso animo a xente a votar pensando no seu futuro.