O BNG defendeu na Cámara a modificación da Lei 35/2006 do IRPF co obxectivo de acabar coa discriminación fiscal que sofren 200.000 emigrantes retornados obrigados a tributar a partir duns ingresos de 11.200 euros anuais, mentres o resto dos xubilados que perciben pensións da seguridade social estatal non teñen a obriga de tributar con ingresos inferiores aos 22.000 euros.
O veto do PP, -34 votos a favor, 40 en contra-, impediu prosperar esta iniciativa lexislativa, explicada megáfono en man pola deputada Tereixa Paz ante os miles de emigrantes retornados concentrados ás portas do Parlamento galego para seguir o debate da proposta do BNG. Pese ao veto do PP, imos seguir loitando con vós nas rúa e no Parlamento, aquí e en Madrid, para evitar que os nosos emigrantes retornados sexan discriminados polo Ministerio de Facenda e pola Axencia Tributaria, proclamou Paz.
Durante o debate, Paz fixo entrega a Feijóo dunha maleta como símbolo da emigración, por encargo das persoas que están ai fora loitando polos seus dereitos, maleta na que previamente transportaran a documentación acreditativa das 30.000 sinaturas que entregaron no rexistro da Cámara.
Non son defraudadores, os defraudadores están máis relacionados coa Rúa Génova que coas aldeas deste país, salientou a deputada Tereixa Paz, durante a defensa da iniciativa lexislativa. Se Galiza tivese competencias propias en materia tributaria, hoxe os emigrantes galegos retornados non estarían sendo acosados por Facenda, recalcou.
O debate veu precedido dunha manifestación convocada pola Coordinadora Galega de Emigrantes Retornados, que concentrou a miles de persoas nas rúas de Santiago, e contou co apoio e a participación do BNG. O portavoz nacional, Xavier Vence, recalcou que non se pode asumir que os emigrantes retornados reciban un trato discriminatorio e sexan obrigados a facer a declaración da renda por pensións que están por debaixo dos mínimos da exención por IRPF.
Con esta proposta lexislativa o BNG tamén pretendía corrixir os efectos fiscais para aqueles pensionistas retornados que tiveron máis dun pagador, e se pasase a considerar que teñen un único ingreso, -a súa pensión-, proceda esta da Seguridade Social española ou doutros países, sobre todo para que no futuro non teñan os problemas que teñen na actualidade, explicou o dirixente nacionalista.
Pese aos anuncios do ministro Montoro, o Bloque volveu insistir en demandar de Facenda e da Axencia Tributaria a suspensión de todos os expedientes abertos ao pensionistas retornados, a devolución das sancións percibidas e que se abra un proceso de regulación da súa situación. O resultado do debate no Parlamento galego deixa un retrato claro do PP ante os emigrantes retornados deste país, concluíu Vence.