Vence: "Temos que coller o futuro nas nosas mans ou seremos conducidos por mans de poderes alleos"

VENCE ACTO TOURAL 1

“Unha pantasma recorre Europa: a vontade dos pobos a decidir por si propios, a vontade de romper as dependencias alleas, tanto dos poderes económicos e financeiros como dos Estados que lles serven de instrumento ”, arrancaba o portavoz nacional, Xavier Vence, o acto organizado polo BNG en Santiago baixo o lema Polo dereito a decidir dos pobos, no marco dos referendos soberanistas convocados por Escocia e Catalunya.

Vence subliñou que as aspiracións nacionais dos pobos deben ser percibidas con “normalidade democrática”, e puxo como exemplo os 15 novos Estados que se crearon en Europa só desde a década dos noventa, nun proceso “que segue en marcha e é imparable” porque “somos pobos con historia e maiores de idade para rexer os nosos destinos”.

É máis, o dirixente nacionalista puxo de releve a necesidade de camiñar cara a soberanía. “Sentimos que ou tomamos o futuro nas nosas mans, baixo a nosa responsabilidade, ou podemos vernos conducidos ao esmorecemento en mans de poderes alleos”, recalcou Vence, “esmorecemento cultural, dos nosos sinais de identidade, esmorecemento económico e demográfico”. “É o futuro como pobo o que está en xogo”, advertiu, e por iso “compre reaccionar”.

Forzas propias contra o derrotismo

O portavoz do Bloque amosouse convencido de que Galiza avanzará, ao seu propio paso, cara o soberanismo. “Avanzaremos, recorreremos o noso propio camiño, ao ritmo que decidan os galegos e as galegas, pero recorrerémolo, sen dúbida”, salientou Vence, quen destacou o papel que debe xogar o BNG “para erguer a autoestima da sociedade, a confianza nas nosas propias forzas e capacidades e para vencer ao derrotismo, veña de onde veña”.

Neste sentido, o portavoz nacional fixo referencia ao proceso de asembleas abertas iniciado polo Bloque, “para ensanchar a base social do nacionalismo, para organizar a pluralidade da cidadanía que busca mudar a realidade e que queremos teña no proxecto nacionalista a ferramenta e o referente para facelo”, explicou.

O BNG é “o motor ilusionado para construír o futuro para esta nación” e para sacar do poder “a ese mercenario de Feijóo, hooling e chulapote de barrio entregado servilmente aos lobbies de Madrid”.

Vence deixo claro que o Bloque vai facer todo o posible para impedir que o PP “mude as regras de xogo para prevalecer nas institucións mesmo sen ter a maioría social”. “Temos plena vontade de impedir a perda de vigor democrático das nosas institucións”, recalcou en referencia á reforma que pretende recortar o Parlamento galego é á reforma electoral.

Imperialistas fracasados

Volveu advertir contra a reacción centralista dun Estado español “falido” que, citando a Castelao, está en mans de “imperialistas fracasados”. Esa recentralización do poder político e económico, “as dúas caras da mesma moeda”, están provocando unha perda de status institucional e de recursos para Galiza, coa complicidade do Goberno galego.

“Non podemos tolerar que Feijóo diga amén a costa de sacrificar os nosos investimentos e o noso futuro. Cantos diques flotantes se poderían construír en Ferrol cos 4.600 millóns de euros para rescatar as autoestradas radiais madrileñas? Cantos empregos na industria, na agricultura, cantos recursos para a educación ou a sanidade públicas?”, interpelaba Vence na súa intervención.

O acto Polo dereito dos pobos a decidir, que encheu a praza compostelá do Toural, tamén contou coas intervencións de Lucia Veciño, en representación de Galiza Nova, e da secretaria de Política Internacional, Ana Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG