Vence: "Sumar sen mirar o carné a quen queira traballar x GZ cun proxecto nacionalista de esquerdas"

O Consello Nacional do BNG aprobou unha axenda de traballo para os vindeiros meses que debe dar resposta a dous retos: as eleccións previstas en 2015 e a reformulación do modelo territorial. Obxectivos: obter unha “representación potente” na cita coas urnas para dar unha viraxe as políticas “depredadoras” do PP, e evitar que Galiza quede descolgada dese debate e perda status político e institucional con respecto a Euskadi e Catalunya.

CONSELLO NACIONAL 5 ABRIL 2014

En ambos casos, o Bloque considera imprescindible fortalecer un polo nacionalista de esquerdas e galeguizar o debate con propostas e alternativas desde e para Galiza.

En canto a reto electoral de 2015, o portavoz nacional, Xavier Vence, explicou que o BNG inicia un proceso co obxectivo de “ensanchar a base social do nacionalismo” convocando asembleas abertas desde xullo en todas as localidades do país.

“Queremos sumar e integrar con espírito aberto e sen mirar o carné de ninguén a todas e todos os que queiran unir esforzos para mudar o país, a todas as persoas que teñan vontade de contribuír a reforzar unha alternativa nacionalista plural e de esquerdas que represente á maioría social que sofre as consecuencias do centralismo e das políticas depredadoras da dereita causa do pobreza crecente da sociedade”, argumentou.

Vence subliñou que o BNG inicia ese proceso de asembleas abertas sen apriorismos, “sen pór condicións ao desenlace”, máis aló de serva para reforzar un proxecto nacionalista de esquerdas “ilusionante” para o país, que debe axudar a conformar tanto os programas como as candidaturas ás eleccións municipais de 2015.

Non se trata de iniciar un diálogo “entre cúpulas” senón de abrir un proceso coa cidadanía “disposta a traballar nun proxecto de país con futuro”, a título individual ou ben procedentes de colectivos ou movemento sociais implicados en diferentes loitas ecoloxistas, feministas, obreiras ou das plataformas organizados nos últimos tempos para enfrontar as políticas do PP. O resultado final de cara as eleccións municipais dependerá do grado de maduración do debate que se alcance nesas asembleas abertas na formulación de propostas concretas aos problemas de cada Concello e a nivel nacional.

“Hai que abrir un proceso de acumulación de forzas de toda a cidadanía que crea nun proxecto nacionalista de esquerdas para este país”, sintetizou Vence.

Que Galiza conte

No caso do debate territorial, o portavoz nacional, considera vital “ter unha posición de país”, e por iso o Bloque propón a todas os axentes económicos, sociais e políticos elaborar unha folla de ruta para que Galiza conte.

“O noso país non pode estar ausente pola submisión de Feijóo e menos ser o ariete que usa o PP contra as aspiracións doutros pobos. Co horizonte da soberanía, debemos articular unha proposta común para que Galiza estea nas mellores condicións para negociar os seus intereses cando se deseñe outro modelo territorial”, indicou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG