O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, esixiulle esta mañá á Xunta de Galiza o cumprimento das obrigas estatutarias que lle competen para prestixiar a nosa lingua e para garantir o seu uso no ensino, na xustiza, na sanidade, na administración e na sociedade, en xeral e para garantir o uso da toponimia oficial. Pediu, así, o apoio explícito do Goberno galego á promoción do idioma de Galiza. O BNG quere que o galego ocupe o lugar que lle corresponde como lingua propia de Galiza, salientou en declaracións aos medios ao inicio da manifestación nacional convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego, mobilización na que estivo presente a Executiva Nacional, así como os representantes da formación frontista nas institucións, ademais dunha nutrida presenza de militancia do BNG.
Xavier Vence puxo de manifesto que a Xunta de Galiza ten que repartir de xeito igualitario os fondos aos medios de comunicación, tamén para os medios en galego, e non só para os que emiten e publican en castelán. Precisamente, a Xunta de Galiza insertou, no día de hoxe, publicidade gratuíta en todos medios que se editan en Galiza, agás nos que se editan, exclusivamente, en galego. Éunha forma de discriminación absolutamente intolerábel neste contexto en queestamos, advertiu.
Ademais, o portavoz nacional do BNG reclamoulle á Xunta de Galiza e a Feijóo que retiren, dunha vez, o decreto do plurilingüismo, máxime cando foi sentenciado polo TSXG pola ilegalidade e impertinencia nos seus artigos fundamentais. É o momento de que o Goberno galego dea un paso atrás na súa estratexia de agresión contra a lingua, sinalou. É o momento de que se volva á Lei de Normalización e ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, engadiu. Nesta liña, apelou a reivindicarmos o comezo dunha etapa de recuperación de espazos para o galego desde a normalidade e desde a obriga de cumprimento da Lei de Normalización Lingüística por parte da Xunta de Galiza.
Fixo alusión Vence á Proposición de Lei de normalización de usos sociais e públicos da lingua galega presentada polos nacionalistas no Parlamento de Galiza. Esta iniciativa, que coincide co trinta aniversario da promulgación da Lei de Normalización, pretende promover un avance no proceso normalizador, dada asituación crítica pola que atravesa a lingua e dada a vulneración constante da Xunta de Galiza en relación á lexislación en materia de lingua.
Vence pide a dimisión de Feijóo á fronte da Xunta de Galiza pola súa relación con Marcial Dorado
En resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre a pretensión de Feijóo de levar á Xustiza as forzas políticas, o portavoz nacional do BNG expresou, que se querele contra quen queira, de feito, hai moitas persoas en Galiza que poderían autoinculparse nesta denuncia. Trataríase dun bo camiño para que Feijóo aclarase as súas relacións indignas, inmorais e inapropiadas cando xa era un alto cargo cun narcotraficante, cun contrabandista, salientou. Sería, tamén, un bo camiño para botar luz sobre as relacións do Partido Popular co mundo do narcotráfico e do contrabando nos anos oitenta e noventa, engadiu.
Nesta liña, Xavier Vence cualificou as relacións de Feijóo con Dorado de problema político e de corrupción moral e advertiu de que estas relacións son intolerábeis para un alto cargo. Por iso, insistiu en pedir a dimisión de Feijóo como presidente da Xunta de Galiza. Concluíu reclamando que se entregue toda a documentación sobre o que aconteceu nese período.
Máis fotos na seguinte ligazón.