Vence: "O PP espolia ás familias a través da explotación salarial, fiscal e como consumidores"

VENCE E ADAN EN ROLDA DE PRENSANo lado dos gastos: sube a factura da luz, da auga, da recollida do lixo, soben os carburantes, as peaxes, imponse o copagamento de fármacos hospitalarios aos doentes crónicos e sube o que pagan os xubilados polas medicinas. No lado dos ingresos: caída en picado dos salarios, o Goberno conxela o SMI e o salario d@s empregad@s públicos, as pensións perden poder adquisitivo, mantense a subida do IRPF, persecución fiscal dos emigrantes retornados e 271.000 galegos e galegas están non paro.

Neste contexto, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, denuncia que “non se trata de medidas illadas, senón dun auténtico espolio das familias en base a unha planificada estratexia do PP que aproveita a crise para mudar o modelo do Estado do benestar, cun empobrecemento progresivo da poboación”.

“Asistimos a un atraco sistemático da poboación por parte do PP en beneficio dunha minoría, asistimos a unha auténtica transfusión de sangue desde a maioría social aos oligopolios bancario, eléctrico e as concesionarias, o que nos fai pensar no simbolismo real do lugar elixido por Feijóo para dar a súa mensaxe de fin de ano”, denuncia Vence.

Para o dirixente nacionalista estamos ante unha transferencia de recursos desde a maioría social aos lobbies económicos a través dunha triple explotación: “explotación laboral pola vía das baixas salariais, explotación fiscal pola vía dos impostos regresivos e explotación como consumidores pola vía da subida do prezo de todos os servizos básicos para a cidadanía”.

Pobreza enerxética

Neste sentido, o BNG fixo especial fincapé no incremento da factura da luz que, segundo explicou a portavoz parlamentar de Industria, Carme Adán, pasou de 48 a 80 euros mensuais en apenas seis anos, “o que converte un servizo básico nun artigo de luxo, todo a maior gloria das grandes empresas hidroeléctricas cuxos beneficios non paran de subir”.

En catro anos duplicouse a cifra de fogares aos que se lles cortou a luz dando lugar a unha nova realidade social que coñecemos como “pobreza enerxética”, razón pola o BNG presentou unha serie de iniciativas no Parlamento na que se demanda á Xunta a paralización da subida da luz e medidas para evitar o corte deste servizo en inverno, como xa fixeron Catalunya, Francia ou Alemaña.

Adán advertiu que o incremento da luz non só grava ás rendas familiares senón tamén as empresas, “restándolle capacidade de competir e polo tanto actúa como freo da recuperación económica, de aí a demanda dunha “tarifa eléctrica galega” acorde coa nosa condición de país produtor excedentario de enerxía eléctrica, explicou.

Continúa a destrución de emprego

O portavoz nacional do BNG salientou que os datos de paro do último trimestre deixa un balance “desolador” do mercado laboral e son “o mellor reflexo dos desastrosos resultados das políticas de Feijóo, e desmenten as súas bravatas en torno a unha suposta recuperación económica”.

Vence argumentou que os datos “amosan que a redución de emprego en Galiza duplicou a media estatal e que afecta non só aos sectores da construción e da hostalería, senón tamén ao sector industrial”. Galiza pecha 2013 con 15.757 afiliados menos á Seguridade Social e 271.000 parados, o que evidencia que “as medidas do presidente da Xunta de recortes, aumento de prezos e fiscalidade regresiva só provocan máis desemprego e máis sufrimento”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG