O BNG batallará ata o último minuto contra o planificado espolio de NGB e para conseguir que os 9.000 millóns de euros aportados á entidade financeira con recursos de todos se transformen na banca pública galega.
Perder NGB significa perder a ferramenta que hoxe xestiona o 40% do aforro galego. A creación de empresas e a creación de emprego no futuro verase resentida nesa mesma proporción, nun momento en que Galiza precisa unha entidade comprometida coa economía produtiva, explicou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.
Para garantir ese compromiso, a mellor opción é transformar NGB en banca pública galega, explicou, tras a reunión celebrada cos seis sindicatos con representación no Comité de Empresa: UGT, CIG, CCOO, CSICA, ASCA e CGT, aos que transmitiu a oposición do BNG ao unha venda con nocturnidade e alevosía.
Neste sentido, Vence amosouse estupefacto polo papel que está a xogar o presidente da Xunta. No BNG estamos estupefactos de que o Sr. Feijóo en lugar de entrevistarse cos vendedores, é dicir, co ministro Luís de Guindos, co responsable do FROB ou con Mariano Rajoy para pedirlles que freen o espolio de NGB, se reúna cos compradores interesados en quedarse co botín. E estamos estupefactos de que teña a irresponsabilidade de felicitarse pola venda da entidade, alegou.
Unha actitude que evidencia que Feijóo ponse a favor do proceso e iso é unha traizón aos intereses do país, cando debería estar liderando unha fronte en contra do espolio o aforro galego, argumentou.
Explicación pública da dirección
A reunión co comité de empresa ven precedida dun encontro con José María Castellano, actual presidente executivo da entidade galega, quen lle transmitiu a Vence o seu desacordo co actual proceso de venda.
A propia dirección da entidade, quero salientalo, trasladounos o seu desacordo co esta anticipación do proceso de venda, e confesou que non foi consultada e que, cando menos, debería esgotarse o prazo concedido ata 2017 pola Comisión Europea para completar o proceso, indicou o portavoz nacional, quen instou a Castellano a expresar en público o que explica en privado, porque non só o portavoz nacional do Bloque senón o conxunto da cidadanía galega ten dereito a saber a opinión da propia dirección de NGB.
Emprego, obra social e estafados
Vence argumentou que a mellor maneira de garantir o emprego, a obra social e a recuperación do aforro estafado polas preferentes é convertendo NGB en entidade pública galega, pero demanda que iso se garante en calquera escenario.
En Calquera caso, calquera que sexa o escenario final, non podemos aceptar que conleve a destrución masiva de emprego, -1.500 postos directos segundo as estimacións do comité de empresa-. É responsabilidade da Xunta e do Goberno central preservar o emprego a obra social, os centros de FP, os centros de maiores, as escolas infantís e os centros culturais que hoxe dependen da obra social, salientou.
Pero non a través da socialización das perdas e a privatización do benficio, como é habitual quixo deixar claro Vence, senón esixindo eses compromisos en calquera dos escenarios finais.
O portavoz nacional concluíu expresando a súa proposta de implicar a todos os partidos políticos, empresarias, sindicais e organizacións sociais, para evitar o espolio que suporá a venda anticipada e irresponsable de NGB. Estamos a tempo, salientou.
Na reunión estiveron presentes o portavoz nacional do BNG, o secretario de organización, Bieito Lobeira, e os responsables sindicais de UGT, José Ramón de Pliego-Valdés, da CIG, Clodomiro Montero e Miguel Anxo Rouco, de CCOO, José Luís Regueiro, de ASCA, Isabel Gayoso e Xosé Luís Liñares, de CSICA, Carlos Peso e Xesús Díaz, e de CGT, Javier Mera.