O BNG, a través do portavoz nacional, Xavier Vence, lamenta que o presidente da Xunta se parapete detrás da solidariedade dos galegos e das galegas nun discurso cheo de lugares comúns, que predica a resignación, baleiro de propostas de futuro para Galiza e, sobre todo, que ignora as dramáticas consecuencias das súa políticas para a maioría social do país.
Na súa alocución, Feijóo demostra que non ten nada que ofrecer para que 2014 sexa un ano mellor para a maioría dos galegos e das galegas, nada que ofrecer para que a mocidade non teña que seguir emigrando, nada que ofrecer para loitar contra o drama do paro, para que as nosas empresas non sexan vendidas de saldo e nada que ofrecer para garantir a calidade dos servizos públicos básicos como a sanidade ou a educación, salientou Vence.
Diante da ausencia de propostas para o país, o presidente da Xunta, volve a apropiarse con descaro da exemplar actuación e da solidariedade mostrada por Galiza na traxedia de Angrois, para agochar o sufrimento e o empobrecemento da maioría da cidadanía galega provocados polas súas políticas e polo seu Goberno servil con Madrid e cos poderes económicos, denuncia o portavoz nacional.
Neste sentido, Vence considera incomprensible que o presidente da Xunta se gabe de que sexamos un país en venda, no que empresas de referencia e de sectores estratéxicos pasan a mans estranxeiras a prezo de saldo, cualifica de insensible que mesmo se felicite polo feito de que Galiza sexa algo vivo na emigración, como se fose positivo ver a mocidade emigrar por falta de futuro no país, é critica o cinismo a apelación a dicir a verdade que na practica incumpre sen o máis mínimo rubor.
O BNG tamén lamenta o ton de resignación que Feijóo pretende transmitir aos galegos e galegas, tras adicar máis tempo a xulgar as aspiracións doutros territorios do Estado que a falar das aspiracións de Galiza. Resignación, paciencia e sumisión non é o que Galiza necesita para saír adiante, salientou Vence, quen amosou o seu convencemento de que en 2014 os galegos e galegas demostraranlle que queren unha Galiza de seu, noutro modelo de Europa.
O BNG, saliente Vence, si cree neste país, porque somos unha gran nación, solidaria, orgullosa, loitadora, con historia e sobre todo con futuro, e seguiremos traballando con forzas renovadas para contribuír, desde a humildade e desde o esforzo, para darlle un futuro a Galiza e aos galegos e galegas, aos que, desde o Bloque, lles desexamos un venturoso 2014.