Vence empraza a Feijóo a explicar o seu modelo sanitario baseado no copagamento e na privatización

SOS SANIDADE PUBLICAO presidente da Xunta ten que dar a cara e  comparecer de inmediato no Parlamento para un debate público xeral sobre o modelo sanitario que promove o Goberno galego marcado pola privatización “sibilina” da sanidade pública e polo copagamento.

En particular, o portavoz nacional, Xavier Vence, quere que Feijóo explique dous temas clave: o seu empeño en impor o copagamento de medicamentos hospitalarios, cuestionado maioritariamente nas propias filas do PP e, en segundo lugar, as sucesivas medidas de privatización da sanidade e o seu custe econñomico para o erario público.

“Feijóo ten que explicar ese empeño en ser o campión da crueldade e aplicar o castigo de copagamento aos enfermos crónicos, cando a maior parte dos seus compañeiros de filas se negan a facelo, incluída a secretaria xeral do PP. Fora de Galiza asumen o que desde o BNG temos denominado espírito de Riotorto, de insubmisión a esta medida inxusta que Feijóo quere aplicar aos galegos e galegas”, denuncia Vence.

No capítulo de copagamentos, ademais dos fármacos hospitalarios, citou as próteses, o transporte sanitario para doentes que están sometidos a revisións periódicas, e o 10% que teñen que pagar os xubilados e xubiladas polos medicamentos.

En relación as medidas privatizadoras, enumerou a construción do Hospital de Vigo que triplica o custe inicial, a privatización do servizo da electromedicina, da xestión de fármacos e material hospitalario, do servizo de raios, do servizo de esterilización do material, o desvio de accidentados á sanidade privada, e a posta en marcha das áreas de xestión clínica, “antesala da privatización”, indicou.

Pobreza sanitaria

Vence fixo fincapé no que definiu como “estafa do aforro”, argumento que usa o PP tanto aquí como en Madrid para xustificar as súas medidas. “Non é verdade que a sanidade privada supoña un aforro. EEUU é quen máis gasta en sanidade de todo o mundo, pero ten unha gran parte da súa poboación sen cobertura e xera pobreza sanitaria, porque ten apostado por un modelo privado”

Cambio de modelo

“O que pretende Feijóo é un auténtico cambio de modelo sanitario, desmontando peza a peza un sistema público de saúde de calidade e universal no que, ata agora, todos somos iguais ante a adversidade da enfermidade sen que importe o nivel de renda”, argumentou Vence, quen advirte que o camiño iniciado polo PP “pode conducir a pobreza sanitaria” .

Neste sentido, o BNG quere que o presidente da Xunta compareza no Parlamento para que informe conxuntamente de todas estas medidas “porque a estratexia do PP en Galiza é ire medida e a medida por separado para que non se pode ver o conxunto, de que cada árbore impida ver o bosque, e precisamos que se vexan as consecuencias da batería de medidas privatizadoras adoptadas polo Goberno galego”.

Por iso, insiste Vence, “pedimos un debate xeral sobre a sanidade pública porque é un problema de país, que afecta á base esencial do noso estado do benestar, e debe ser Feijóo quen dea explique porque a cidadanía ten dereito a saber cara onde imos”

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG