Vence defende a substitución do administrador concursal de T-Solar

O portavoz nacional do BNG denuncia un “caso claro de corrupción” no que o administrador concursal boicotea as solucións

Na visita que o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, o portavoz parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera, e a deputada nacionalista Tereixa Paz, realizaron hoxe aos traballadores e traballadoras pechadas nas instalacións de T-Solar Ourensa, o BNG non só quixo trasladarlles o seu respaldo as súas demandas. Tamén denunciou que o administrador concursal, “boicotea as solucións que dan continuidade á empresa e está empeñado na súa liquidación”.

“Estamos vendo que o administrador concursal unha persoa cun interese espúreo, a favor da anterior propietaria da empresa, Isolux, e fai todo o posible para impedir que a empresa siga adiante en lugar de buscar solucións en positivo”, asegurou Xavier Vence.

Segundo o portavoz nacional do BNG, o administrador concursal “está absolutamente vendido aos intereses de Isolux”. Diante desta situación, Vence defendeu que o primeiro paso necesario para dar saída ás propostas de compra por parte doutras empresas do sector, “é quitar de enmedio a este administrador e facer un cambio inmediato para poder tomar as medidas axeitadas”.

Compromiso da Xunta

Xavier Vence demandou tamén o compromiso da Xunta para tomar esta decisión. “A Xunta non pode mirar cara outro lado, senón que ten que involucrarse no futuro desta empresa, que é punteira e competitiva”, destacou. “No pode mirar cara outro lado diante da desaparición do tecido industrial”, engadiu.

O portavoz nacionalista lembrou asemade que T-Solar recibiu moitas axudas públicas, preto de 64 millóns, “que corren o risco de perderse”, alertou. Neste liña defendeu que a Xunta tamén ten que esforzarse por “salvagardar os recursos públicos”.

Submisión do PP ao lobby eléctrico

O BNG denunciou que parte dos problemas das empresas que centran a súa produción nas enerxías renovables están nunha situación de desmantelamento debido ao “parón destas renovables imposto polo PP”, sinalou Vence, mediante diversas medidas, como impostos e limitación da produción de enerxía fotovoltaica para autoconsumo.

Ao seu xuizo, estas medidas “limitan a expansión das empresas centradas nas renovables, que toman a decisión de deslocalizarse e non manter activas as factorías no noso país”. Neste sentido considerou que ese parón imposto polo PP é froito da súa submisión ao lobby estatal das eléctricas, integrado especialmente por Endesa, Iberdrola e Gas Natural.

“O BNG apoia as reivindicacións dos traballadores tanto polos postos de traballo como polo interese estratéxico que ten para Galiza contar cunha empresa cun proxecto innovador, cunha maquinaria e unhas instalacións modernas e competitivas. Non estamos falando de manter un dinosaurio”, apuntou o portavoz.

Vence destacou que o Bloque seguirá impulsando iniciativas no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados para acadar que a Xunta se involucre na solución do problema de T-Solar.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG