O BNG denuncia que o PP aplica unha estratexia de criminalización e represión sistemática da protesta social contra os colectivos, as organizacións sindicais e o conxunto da cidadanía que se mobiliza contra as políticas de recorte que aplican os populares desde o Goberno central e a Xunta.
A través de dúas vías: aplicación abusiva do código penal e a imposición masiva de multas e sancións administrativas. En palabras do portavoz nacional, Xavier Vence, represión penal e económica sistemática coa que o PP quere amedrentar á cidadanía que protesta contra as políticas que a maltratan e a empobrecen. Os datos son reveladores.
Segundo as centrais sindicais, hai en marcha procesos xudiciais contra participantes en manifestacións que superan a petición de 100 anos de cadea, en moitos casos con penas superiores aos 3 anos, o que implica ir a prisión.
En Galiza, explicou Vence, Ana, Tamara, Carlos e Serafín están a piques de ingresar na cadea polo feito de participar en protestas laborais e deixan as súas familias en situación de indefensión. O Goberno de Rajoy négalles o indulto que si concede a outros, como ao policía fillo dun concelleiro do PP que gravou unha agresión sexual en vídeo ríndose dos feitos e sen facer nada, que ven de ser indultado.
A outra vía de represión do PP son as multas: 40 sancións de ata 600 euros aos estafados polas preferentes, sancións de ata 800 euros con 9 expedientes aos activistas de Sarria en defensa do río, 450 euros á Plataforma Queremos Galego, 300 euros de multa aos participantes por frear desafiuzamentos, e multas de ata 300 euros aos mariñeiros de cerco polas mobilizacións de marzo.
Modificar o código penal
O BNG quere por freo a esta estratexia do PP con propostas concretas. En primeiro lugar, demanda a concesión inmediata de indulto ás catro persoas afectadas por penas de prisión, porque non podemos aceptar que polo mero feito de participar en protestas laborais teñan que ir a cadea. En segundo lugar, retirada das multas a todos os colectivos sancionados polas súas lexítimas protestas.
Igualmente, o Bloque presenta no Congreso unha proposición de lei para solicitar a derogación do artigo 315.3 anterior tanto a Constitución como a Lei Sindical, que está servindo para reprimir aos traballadores e traballadoras máis activos na defensa dos seus dereitos laborais. Finalmente, o BNG anuncia que participará na convocatoria dos sindicatos, -CIG, CCOO e UXT-, prevista para o día 30 de xuño.
A xente non protesta por gusto senón porque sofre abusos, porque lle rouban os aforros bancos desalmados, para defenderse de empresarios piratas ou para loitar contra as políticas de recortes dun goberno que lonxe de amparalos os deixa abandonados. A solución non é represión, senón mudar as políticas e poñelas a favor da xente maltratada, concluía Vence.