O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, expresa o "total respaldo do BNG á comunidade educativa que hoxe está en folga en protesta polos recortes e en contra da Lei Wert que vai venres 10 de maio ao Consello de Ministros". Vence participou na Universidad de Valladolid nunhas xornadas sobre o Futuro da Universidade Pública.
Un Ministro que debe demitir
O portavoz nacional do BNG deixará clara a total oposición do BNG á denominada Lei Wert que supón unha involución en toda regla desde todos os puntos de vista. Ademáis, é unha lei froito da imposición porque non se consensuou con ninguén da comunidade educativa. Razóns polas que pedirá a demisión do Ministro de Educación.
Vence realiza unha avaliación moi positiva da resposta da comunidade educativa que respaldou masivamente a convocatoria de folga no ensino.
Según as previsións, a LOMCE vaise aprobar mañá no Consello de Ministros. Xavier Vence aproveitará a súa intervención desta tarde na Escola de Enxeñerías Industriais da Universidade de Valladolid para alertar do duro golpe que a Lei Wert vai supór para a Universidade pública. O seu futuro veráse comprometido con reformas educativas regresivas e reaccionarias como a que mañá levan ao Consello de Ministros.
Ademáis, recalcará que até o Consello de Estado emitiu un dictame cheo e críticas a unha lei que significa un paso atrás. O mesmo Consello de Estado demandou un acordo xeral das forzas políticas e sociais e recomendou unha lei froito do consenso, algo que o Goberno do PP non está disposto a practicar porque están empeñados en seguer o seu modelo de ensino para élites.
Máis privatización, segregación por sexo, ataque aos dereitos lingüísticos
Vence criticará a privatización do ensino que pretende o PP e que obstaculizará o acceso universal á educación. Voltarán os tempos dunha educación para ricos e para os que a poidan pagar, marxinando ao estudantado de familias con menos recursos económicos. Pretende, subliña, facer un cribado de xeito que só estuden os que teñen cartos.
Asemade, porá de manifesto outros aspeitos moi negativos da lei que incluso están cuestionados por atentar contra a igualdade como as axudas a centros que segregan por sexo, o impulso dunha educación confesional alonxada dun modelo laico e público, sen esquecer o ataque claro que queren perpetrar á educación nas linguas cooficiais como o galego, o catalán e o euskera.
Explicará que a LOMCE rebaixa o teito competencial autonómico, limitando a capacidade propia para formular o noso sistema educativo. Busca situar ás linguas propias e ao galego nunha posición secundaria no sistema educativo por non incluilo en materias troncais. A nosa lingua non pode ter unha consideración inferior ás linguas estranxeiras no currículo escolar. Censurou o sesgo centralizador do proxecto e profundamente conservador.
Alertará da incentivación do ensino concertado e privado e criticará o sistema de reválidas de Wert desde o ensino primario que non mellora o sistema, incluso nos aproxima ao fracasado modelo alemán que ten que importar mán de obra cualificada.