O BNG advirte que o sector lácteo está nunha situación dramática asfixiado por unha caída continuada do prezo do leite por imposición das industrias e distribuidoras, que provoca á ruína dos produtores e o peche de explotacións. E todo, co consentimento do Goberno de Feijóo.
Pero alguén se imaxina que hoxe se pode producir un litro de leite a 29 céntimos cos custes que teñen que asumir os gandeiros e gandeiras?, se preguntaba o portavoz nacional, Xavier Vence, tras indicar que en 2008 o prezo estaba en 45 céntimos. O máis grave, denunciou, é a inacción do Executivo galego, incapaz de defender en Madrid un sector que representa o 40% do total español.
Árbitro publico
A solución para o BNG: garantir contratos e prezos xustos para os produtores na súa relación coas industrias evitando que se impoñan condicións leoninas e o incumprimento sistemático da figura do contrato homologado. De feito, o 60% das empresas se negan sequera a asinar estes contratos pese a ser obrigatorios para equilibrar a capacidade de negociar entre as partes. Neste sentido, o Bloque demanda a creación da figura dun árbitro público que dirima os incumprimentos nos contratos.
Non é a única medida. O BNG aposta por sacar adiante unha proposta de país que inclúa a creación dun grupo lácteo galego, -vella reivindicación á que non renuncia-, reforzar a interprofesional leiteira, diversificación para ganar valor engadido e apoio á produción de base cooperativa para reforzar a súa posición ante as cadeas de distribución ou mesmo asumila como parte da súa actividade económica.
Vence advertiu que o sector non ten futuro cun PP cercado pola corrupción e citou o caso deAlimentos Lácteos como exemplo de trama corrupta formada polos amigos do PP de Romay Beccaría, Feijóo e Cañete que, en lugar de promover a planta de Outerio de Rei estragaron 9 millóns de euros recibidos do Igape e estafaron a centos de explotacións arruinadas polo impago das entregas de leite, denunciou.
Traficantes de leite
Unha estafa que rematou nos xulgados e que, ademais, arruinou a opción de crear un grupo leiteiro galego baixo o liderado de Feiraco. Vence advertiu que este despropósito culmina coa venta da planta lucense a Logística Alimentaria, outra empresa dos amigos do PP que son traficantes de leite en negro nos últimos anos a baixo prezo e que teñen como socio un grupo financeiro madrileño chamado Valparaiso, denunciou.
De novo, subliñou, intereses espurios que acaban por estragar a posibilidade dun grupo lácteo galego que xa Feijóo dinamitou pero que sigue necesitando Galiza. Precisamos unha estratexia propia para defender o noso sector, que está perdendo capacidade de producir pese a que se importou 318 millóns de quilos de leite en 2013 que veñen da Francia, Alemaña ou Bélxica, sen esquecer o incerto horizonte que se abrirá cando en maio de 2015 desapareza o actual sistema de cotas.