O BNG pon en valor a súa presenza nas institucións que considera crucial para que os problemas e os intereses do país estén presentes e Galiza conte, grazas o traballo no Parlamento galego, Congreso e Eurocámara. Anuncia unha estratexia coordinada na que priorizá a defensa dos sectores produtivos, dos servizos públicos e da maioría social.
Nun contexto neoliberal con políticas moi agresivas, coa recentralización e coa Xunta aceptando un papel secundario das suas funcións, a representación do BNG está sendo crucial para visibilizar os problemas e as reivindicacións do país en Madrid, Bruxelas e en Galiza, salienta o portavoz nacional, Xavier Vence, a garantía de que cando está nas institucións os intereses do páis están ben representados.
Unha idea na que insistiu o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen subliñou o labor de oposición contundente pero con propostas e alternativas que desenvolve o Bloque. Avanzou que seguirá a ser a voz da maioría social agredida polas políticas do PP e garantindo a presenza de Galiza nos grandes debates, ante a ausencia do goberno de Feijóo. E todo, enfatizou, na lingua do país que sofre o linguicidio que practica a Xunta.
O BNG contrapuxo este estilo de traballo na defensa do país nas institucións coa ausencia de Feijóo, de visita en Bruxelas para tapar a súa inacción en asuntos clave como a viabilidade do sector do xeito, e obrigado a dar explicacións sobre o cuestionable uso dos fondos europeos.
Agora que o xeito está en vias de solución grazas ao propio sector da man do BNG ante a UE, Feijóo vai tentar colgarse medallas, explicar o uso irregular dos fondos europeos por Baltar desde a Deputación de Ourense ou a pendente depuración integral das rías galegas, denunciou o dirixente nacionalista.
Vence enumerou as apostas clave do Bloque nas institucións parlamentares. A defensa dos sectores produtivos, -pesca, conserva e agricultura-, machacados por Madrid e Bruxelas con cotas, multas e prohibicións, sector naval, máxime tras o levantamento do veto. A reforma do mercado eléctrico, co obxectivo de acadar unha tarifa eléctrica galega, a defensa do aforro galego para financiar empresas e familias e a reforma do actual modelo de financiamento autonómico.
Entre esas prioridades estratéxicas, a defensa dos servizos públicos de calidade sometidos a unha privatización implacable por parte do PP, que no caso da sanidade ten como última ameaza a campaña de xubilacións anticipadas de persoal sanitario, e no caso da educación a derradeira reforma do Goberno central, a puntilla para a universidade pública.
A portavoz no Congreso, Olaia Fernández Davila, quixo destacar a capacidade do Bloque para suavizar o impacto da política de recortes do PP. Tiveron que medirse á hora de sacar adiante algunhas das propostas máis agresivas con dereitos da cidadanía, e puxo como exemplo o decreto lei que consagraba a desfeita total da sanidade pública e avanzou que as iniciativas no Congreso incidiran en defender que Galiza poda ter capacidade sobre os seus propios recursos como no caso enerxético.
No ámbito da UE, a portavoz do Bloque na Eurocámara, Ana Miranda, ironizou sobre a perspectiva dun Feijóo de visita en Bruxelas a facerse a foto e a explicar por que perdemos 2.500 millóns de euros de fondos europeos e xa avanzou que defenderá que o Fondo de Iniciativa Xuvenil aporte recursos a Galiza para frear a sangría da emigración.
Escenario electoral
Preguntado polos medios, Vence salientou a disposición do Bloque a sumar para derrotar ao PP e as súas políticas neoliberais de recortes agresivos unha vez que os galegos e galegas se expresen na urnas nos diferentes procesos electorais pendentes aos que concorre coa vontade de ser o referente para toda a cidadanía rebelde que quere desaloxar a dereita cun proxecto nacionalista de esquerdas. Sumar para derrotar á dereita para impedir que a dereita derrote á sociedade, sintetizou Vence.