Total apoio ás aspiracións nacionais do pobo catalán e confianza en que GZ camiñe cara a soberanía

MIRANDA JUNQUERAS VENCE

O portavoz nacional, Xavier Vence, encabezou a delegación do BNG  nos actos de celebración da Diada en Barcelona onde amosou o total apoio ao proceso soberanista impulsado polas forzas políticas cataláns máis representativas, co respaldo dunha ampla maioría social, e así llo transmitiu ao líder de Esquerra Republicana, Oriol Junqueras.

“Compartimos e apoiamos a ilusión do pobo catalán por facerse co seu destino, un pobo en marcha que democrática e pacificamente, cun civismo exemplar, quere conquistar a súa soberanía”, subliñou Vence tras o acto da ofrenda floral ante o monumento de Rafael Casanova, non que participou conxuntamente coa número dous do Esquerra Republicana, Marta Rovira, entre outros responsables políticos e militantes do BNG en Catalunya.

Neste sentido, Vence instou ao Goberno central a non torpedear a celebración do referendo soberanista previsto para o 9 de novembro. “Pregúntolle a Rajoy por que Escocia pode e Catalunya non?”, subliñou o dirixente nacionalista, quen demanda do presidente do goberno central que actúe dacordo “coa máis elemental sensibilidade democrática”, como fai o seu homólogo, David Cameron, desde Londres”.VENCE E ROVIRA OFRENDA FLORAL DIADA 2.

“Esperamos que o Goberno central do PP e os poderes do Estado sexan respectuosos coa esencia da democracia que é que os pobos podan expresarse libre e pacificamente como está intentando facer o pobo catalán, e que o 9 de novembro sexa a culminación deste proceso de loita pola soberanía do pobo catalán, que poda expresarse nas urnas e que haxa un respecto escrupuloso”, subliñou.

O portavoz nacional reivindicou o papel de Galiza dentro do debate territorial aberto no Estado, pero tamén en Europa.

No grupo das nacións

“Galiza non pode quedar fora deste debate non que se esta reformulando o actual modelo territorial, non podemos resignarnos a que Galiza se converta nunha autonomía de segunda que é a onde nos conduce o seguidismo a Madrid de Feijóo, o seguidismo á estratexía recentralizadora do PP que desmantela as nosas institucións e reduce o noso autogoberno. Lonxe de avanzar cara a soberanía mingua o status institucional e o peso político de Galiza no conxunto do Estado”, advirte Vence.

“Feijóo está facendo a Galiza máis pequena, mentres Catalunya e Euskadi avanzan. Desde o BNG queremos que Galiza siga no pelotón das nacións que aspiran a maior autogoberno, non só por autoestima e por dignidade como pobo, senón porque entendemos que as ferramentas que da ser unha nación soberana son as mellores para loitar contra a crise e para buscar solucións aos problemas reais do país”, explicou Vence.

O portavoz nacional do Bloque subliñou que os procesos abertos en Catalunya, pero tamén en Escocia, Flandes ou Gales, amosan “a normalidade” con que se vive en Europa a loita “democrática e pacífica” dos pobos por avanzar nas súas aspiracións nacionais.

“O BNG quere o mesmo para Galiza, sen mimetismos e co ritmo que marque o pobo galego, pero sen quedarnos atrás porque non somos menos que outras nacións do Estado”, concluíu.

Camilo Nogueira e Ana Miranda tamén formaron parte da delegación oficial do Bloque nos actos de celebración da Diada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG