Galiza sofre unha crise enerxética que afecta tanto ás empresas como ás familias, polo que o BNG non renuncia a dar a batalla por un cambio no actual modelo enerxético que non reporta ningún beneficio pese as ser un país produtor excedentario que exporta o 40% do que produce.
Temos que converter a electricidade en prioridade do debate político porque non podemos soportar a imposición por parte do goberno de Rajoy dunha política eléctrica feita á medida dos oligopolios madrileños que nos condena ás tarifas máis altas de Europa, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence.
Consecuencia: perda de competitividade das empresas, mesmo abocadas ao peche como é o caso de Alcoa Coruña e Megas, e 100.000 familias galegas que padecen pobreza enerxética.
Ante un modelo eléctrico centralizado pensado á medida do burato negro de Madrid como gran consumidor dun ben que non produce, sumado á chapuza do sistema de poxa do Goberno central, o Bloque propón unha tarifa eléctrica galega diferenciada que desconte os custes de transporte e da perda de enerxía durante ese transporte, o que suporía unha redución do 30-35% do prezo actual.
É de xustiza que Galiza, familias e empresas, se beneficien de ser un país exportador do 40% da enerxía eléctrica que producimos. Se aplicamos a tarifa eléctrica en función dos custes poderiamos ter un prezo un 35% máis barato, e non é nada extraordinario porque simplemente nos permitiría unha tarifa como a media europea, argumenta Vence.
Neste sentido, o portavoz nacional considera intolerable a falta de iniciativa do Goberno de Feijóo para defender os intereses do país, e pídelle que tome nota do Executivo vasco. Por que a Xunta permanece impasible fronte a esta política de Rajoy e de Soria a favor dos oligopolios españois? Po que non fai como Euskadi que negociou un marco específico que lle permite aforrar 2.000 millóns de euros anuais na tarifa eléctrica?, interpela Vence. Que a Xunta se molle.
Pese aos vetos do PP no Parlamento, o Bloque non vai cesar de colocar este asunto no debate político, máxime cando os datos referendan a gravidade da situación que sitúan a Galiza co peor dato de produción industrial de todo o Estado en 2014, cunha caída do 7%, explicou o direxente nacionalista.
Ás iniciativas parlamentares levadas a cabo, súmase agora unha moción que se presentará en todos os concellos reclamando unha tarifa eléctrica galega da que se beneficien tamén os municipios, pois son os veciños e veciñas que asumen o pago do servizo eléctrico. Este mesmo mércores, o ministro José Manuel Soria terá que dar explicacións no Congreso a petición do Bloque sobre as medidas que está adoptar para evitar o peche que ameaza a empresas como Alcoa Coruña ou Megasa en Narón.