O PP oponese á adopción de medidas urxentes para mudar a lexislación vixente en materia de execución hipotecaria e conseguir así que deixe de ser letal para milleiros de cidadáns.
"Galiza ten dereito a unha vivenda digna e os galegos e galegas así o reclaman, asegurou o deputado do BNG Cosme Pombo, encargado de defender a proposición de lei nacionalista debatida en pleno neste sentido.
Pombo lembrou que 2012 rematou con once familias perdendo as súas casas ao día e hoxe un millón e medio de persoas reclamarán no Congreso, a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular, unha reforma da lexislación en termos semellantes á proposta polo BNG.
Trátase, engadiu o deputado, de que o Parlamento atenda un drama social de primeira orde, que precisa de solucións urxentes ante a indefensión que sofren os cidadáns coa lexislación vixente.
Responsabilidades da banca
A proposición de lei que hoxe traemos a debate tenta ponderar os intereses en conflicto nunha execución hipotecaria e que a banca asuma parte dos costes dun problema que contribuiu a crear, pois foi unha das máximas responsábeis do incremento da burbulla inmobiliaria que provocou a actual crise económica.
Neste sentido, Cosme Pombo asegurou que se chegou á situación actual e cada vez son máis os milleiros de galegos e galegas que non poden facer frente ás súas hipotecas debido ás nefastas políticas de vivenda que, en connivencia cos bancos e as grandes constructoras, animaron a invertir no ladrillo, con ventaxas fiscais en moitos casos.
O deputado nacionalista valorou que o traballo que o BNG xa leva realizando dende o 2011 no Congreso neste ámbito sumado ás recomendacións do propio Consello do Poder Xudicial máis o inmenso traballo das diferentes plataformas petara nas conciencias da xente e hoxe se estea a traballar, tanto no Parlamento Galego como no Congreso, por atopar unha solución xusta para os cidadáns afectados, que en moitos casos están ao borde da exclusión social.
Medidas urxentes
Os principais puntos que recolle a proposta do BNG, por tanto, son:
1. Admitir a dación en pago como cancelación total da débeda
2. Introducir procesos negociadores na execución hipotecaria, como moratorias nos pagos, converter a hipoteca nun contrato de arrendamento con opción de compra ou condonación parcial da débeda
3. Carácter retroactivo das medidas
4. Eliminación das cláusulas abusivas das hipotecas
5. Plan de vivendas de protección en alugueiro
Son medidas urxentes, medidas que de terse tomado antes, tal e como reclamaba o BNG no 2011, algunha morte teriase aforrado, por iso entre a ILP sobre a execución hipotecaria e a ILP sobre as touradas nós temos claro cal é a prioridade, afirmou Pombo.
Stop, quérennos matar
O deputado nacionalista concluiu dando voz a unha comparsa do entroido, KGB (Kaixa Galicia Banco), e ás súas coplas, pois tamén poñen enriba da mesa o drama dos desafiuzamentos, Stop, quérennos matar, pois agardemos que non se guinde ninguén máis.
DESCARGAS: