O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, animou á sociedade galega a non perder a oportunidade que ofrece o 21-0 para plantar cara aos recortes, recortes que o proprio ministro De Guindos recoñeceu hoxe durante a reunión do Eurogrupo que van ir a máis, malia que non quixo entrar en como se van concretar.
Jorquera, que participou nunha charla-coloquio en Santiago, alertou de que os compromisos asumidos hoxe por De Guindos van afectar, como xa vén advertindo o BNG, ás pensións, á función pública e ás prestacións por desemprego, por iso o 21 O temos unha oportunidade que non podemos desaproveitar, pois dicir non a Feijóo é dicir non a Rajoy mentres que o contrario é avalar unhas políticas que até o de agora só conduciron a máis miseria.
Lamentou que entre os máis castigados polos novos recortes que hoxe mesmo comprometeu De Guindos co Eurogrupo vaian estar os parados e paradas
O candidato nacionalista subliñou que o resultado dos recortes do PP poden verse cada día tanto no ecónomico, cun País en recesión e unhas taxas de paro alarmantes, como no ideolóxico, coa reforma, por exemplo, anunciada hoxe do Código Civil e a introducción de facto da cadena perpetua ou como con proxectos de lei como o de Educación que, até onde se coñece, demostra claramente que pretende facer do ensino unha arma ideolóxica para impoñer un modelo totalmente regresivo e reaccionario caracterizada polas desigualdades en función do nivel económico, pola segregación de nenos e nenas e pola recentralización de contidos.
Criminalizar os parados
Para Jorquera, é obsceno que nesta obsesión polo cumprimento do déficit os máis perxudicados sexan os sectores máis febles, como os pensionistas ou os desempregados, cando a principal preocupación do PP debera ser o paro.
Aí tiña que concentrar os seus esforzos -engadiu- máis só se lembra dos parados para restrinxir ás súas prestacións, que non son un agasallo, senón que son un dereito que temos porque cotizamos cos nosos traballos, iso non hai que esquecelo.
Jorquera afirmou que neste contexto Galiza necesita construir o seu futuro, polo que animou aos galegos e ás galegas a apostar pola soberanía nacional,convencido de que a dependencia e a subordinación só levaron a este País a estar no furgón de cola do Estado español.
Soberanía -dixo- é poder xestionar nós os nosos recursos, para que os nosos sectores produtivos teñan futuro, para que non pechen explotacións gandeiras, nen o naval, nen se desguacen barcos, para poder decidir nós.
Preferentes
No acto participaron dúas persoas afectadas polo estafa das preferentes e polos recortes na sanidade pública para denunciar, en primeira persoa, o que están a padecer xunto a milleiros de persoas.
En relación á estafa masiva das participacións preferentes, Jorquera criticou a indiferenza do PP respeito a este grave problema e puxo como exemplo o acontecido onte mesmo no Congreso, coa convalidación dun Real Decreto que deixa en total desprotección aos afectados que poden perder até o 70% dos seus aforros, asunto menor para o PP e semella tamén que para os medios públicos deste País, que optaron por censurar a miña intervención onte no Congreso demostrando máis unha vez que traballan ao servizo do goberno de Feijóo, concluiu.
O candidato á presidencia da Xunta lamenta que entre os máis castigados polos novos recortes que hoxe mesmo comprometeu De Guindos co Eurogrupo vaian estar os parados e paradas