Sexta reforma financeira: un novo paso para sanear as perdas privadas con cartos públicos

Nova -sexta- reforma do sistema financeira no Estado. Foi hoxe ao Pleno levada polo Goberno do PP e como as anteriores contou co voto contrario do BNG. A filosofía de fondo é a mesma que as 5 anteriores, claramente fracasadas: transferir fondos públicos para sanear as perdas do sector privado. O Estado leva inxectados 118.000 millóns de euros na banca privada sen ningún éxito. "Usan o Estado como enfermería do sector privado", denunciou na súa intervención ante o Pleno o portavoz do BNG no Congreso e candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.

Jorquera preguntou ao ministro De Guindos “que máis ten que pasar para que o Presidente do Goberno compareza nesta Cámara? que ten que ocorrer para que se cre unha Comisión de Investigación? Para que se diriman responsabilidades políticas e penais no escándalo de Bankia?”.

O Estado xa inxectou 118 mil millóns de euros no sector privado. E con que resultados? Nen saneamento nen crédito

O tamén candidato do BNG á Presidencia da Xunta dirixiuse deste modo ao Ministro de Economía na sesión plenaria no marco do debate do Real Decreto-Lei sobre saneamento e venda dos activos inmobiliarios do sector financeiro.

Outro paso na dirección errada

O portavoz do BNG lembrou que estamos ante a sexta reforma financeira, a segunda do “seu Goberno e seguimos vendo a mesma película proxectada unha e outra vez sen que melloren as secuencias”. Jorquera deixou claro que o BNG discrepa “profundamente deste Decreto, é outro paso na dirección errada porque non se aborda ningunha das causas reais da crise do sector”.

Ademáis, puntualizou que este decreto ficou obsoleto. Salientou que “en todo este periodo o Estado español inxectou 118.000 millóns de euros na banca privada, e cal foi o resultado? Nen sector financeiro saneado, nen crédito”. Algo que este decreto agravará, igual que conducirá a máis concentración e centralización do sistema financeiro, o que levará a Galiza a perder definitivamente institucións imprescindíbeis.

Queremos unha Banca Pública Galega, non un banco público con data de caducidade como trampolín para a privatización

Jorquera reprochou a De Guindos que “incidan na política de socializar as perdas e privatizar beneficios, usan o Estado como enfermería do sector privado”. Afirmou que o BNG “discrepa deste modus operandi e por iso defendemos a creación dunha Banca Pública pero non un Banco Público con data de caducidade como vosté propoñen para logo vendelo ao sector privado”.

O portavoz do BNG expresou o desexo de que “cambien o rumbo das súas reestructuracións financeiras que se demostran fracasadas e ineficaces, por iso imos votar en contra”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG