Contra o roubo dos 3.000 montes veciñais que o PP quere entregar as empresas forestais amigas

VENCE MANIFESTACION DEFENSA MONTES VECIÑAIS

O BNG denuncia que o Goberno de Feijóo pretende “roubar” os 3.000 montes en man común propiedade de 250.000 comuneiros espallados polo rural de todo o país para entregar a súa xestión a empresas privadas do sector forestal “amigas do PP”, como é o caso da pasteira Ence.

“Temos claro que o PP está ao servizo aos intereses das empresas pasteiras, en particular de Ence, e quere entregarlle a xestión deses 3.000 montes veciñais roubándolles aos veciños e veciñas para darllos as grandes empresas forestais amigas do Partido Popular, como podemos comprobar no consello de administración de Ence”, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence, durante a manifestación convocada en Santiago pola Organización Galega de Montes en Man Común.

Vence denunciou que Feijóo “defende os intereses das grandes empresas forestais en contra dos intereses dos lexítimos propietarios dos montes que son os veciños e veciñas das diferentes parroquias espalladas por todo o país”. En total 250.000 comuneiros propietarios de 650.000 hectáreas en toda Galiza.

Para o dirixente nacionalista, a Xunta debería apoiar a explotación destes terreos de propiedade colectiva, “que son os grandes latifundios que ten Galiza, que ocupan un terzo do territorio e que constitúe un gran potencial para o desenvolvemento do noso rural”. O Bloque considera que os montes en man común deben ser “peza clave” nas políticas de apoio ao rural, como elemento creador de riqueza, emprego e para fixar poboación, “pensando no seu aproveitamento forestal, pero tamén a produción de froita a produción gandeira e para uso recreativo”.

O BNG “ten claro que hai que parar esta política do PP que destrúe o rural, o desertiza e pretende entregar gratis os montes veciñais ás grandes empresas forestais amigas do PP”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG