O BNG rodeou o Parlamento galego nun acto simbólico ante a máxima institución de representación da cidadanía para denunciar que a profunda crise institucional do actual réxime herdado do franquismo non se soluciona de tapadillo cunha operación Felipe como pretende PP e PSOE.
Estamos ao lado dun Parlamento ao que están baleirando de competencias mentres vemos como as decisións se toman fora das institucións democráticas, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen salientou que é o momento de darlle voz á cidadanía para escoller o sistema político e, en particular, creemos que Galiza ten dereito a que sexan recoñecidos os seus dereitos nacionais.
O BNG considera que é preciso aproveitar a abdicación do Rei para pechar o vello réxime e dar paso a un novo proceso constituínte que recolla o dereito dos pobos a decidir é, desde Galiza, queremos encetar unha dinámica propia que nos permita pór encima da mesa os problemas do país cunha axenda galega que non é a mesma axenda que lle interesa aos que desde Madrid pretenden pilotar este proceso cunha solución tramposa a esta crise institucional.
Neste sentido, o dirixente nacionalista entende que non se trata só de mudar a forma do Estado de monarquía a república, o que considera obvio, senón de recoñecer o dereito a decidir das nacións sen Estado, como Galiza. De aí a demanda dun novo proceso constituínte porque, alega, de pouco serve cambiar o artigo primeiro da Constitución que establece a monarquía como forma política do Estado español, se despois no se toca o artigo segundo no que se proclama a indisoluble unidade da nación española.
A monarquía hoxe non é un sistema político viable e aceptable para a maioría e, polo tanto, debe abrirse un proceso constituínte que permita recuperar democracia e que a cidadanía decida o sistema político que quere e, en particular, que as nacións sen Estado teñamos pleno recoñecemento dos nosos dereitos, subliña Vence.
O BNG aposta por ese novo proceso constituínte que permita pór os nosos problemas encima da mesa e que permita que Galiza teña capacidade de interlocución nas institucións e nos foros internacionais para defender os nosos intereses, para defender outro tipo de políticas fronte a Troika que creen emprego e riqueza neste país, que é a preocupación fundamental que move hoxe á cidadanía, recalcou Vence.
Durante o acto simbólico, no que tamén participaron outras organizacións políticas e sociais, se corearon consignas reclamando o dereito das nacións a decidir e a prol da República galega.
O BNG tamén participará esta tarde nas concentracións previstas en diferentes vilas e cidades de Galiza e continuará co seu calendario de mobilizacións ao longo da próxima semana, con asembleas abertas con debate o martes día dez, a defensa dunha emenda a totalidade contra o proxecto de Lei Orgánica de Abdicación do Rei, e un acto conxunto coas forzas nacionalistas de esquerda de Euskadi e Catalunya, - Bildu, ERC e CUP-, baixo o lema Polo dereito das nacións a decidir, coincidindo co día previsto para a coroación.