Resposta institucional desde os concellos e mobilización social contra as políticas regresivas do PP

O “rodillo implacable” que o PP aplica no Congreso e no Parlamento galego imposibilita que prospere calquera iniciativa para mudar a política de recortes e a fiscalidade regresiva que os populares impoñen á cidadanía. Por iso, o BNG mira cara os concellos e propón enfrontar esas políticas desde os gobernos municipais, impulsando o que bautizou como espírito de Riotorto.

Presentacion campaña Reforma dos concellos, ruína para a cidadanía

“Queremos lanzar un gran movemento de resposta institucional e social con tres obxectivos concretos: facer fronte á política de recortes do PP, facer fronte á política fiscal regresiva que grava ás rendas máis modestas e facer fronte á reforma local impulsada polo PP, que implica recortar e privatizar servizos que agora prestan os concellos”, explicou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.

“Nisto consiste o que denominamos espírito de Riotorto, que vai moito máis aló de rexeitar o copago de medicamentos”, salientou.

A resposta institucional se articula desde os concellos gobernados polo BNG, -pero confía en que sexa seguida por todos os municipios galegos-, con propostas concretas para minimizar o impacto dos recortes. Con ese obxectivo, explicou Vence, están a elaborar os orzamentos de 2014 en función das dispoñibilidades presupostarias e das necesidades en cada caso.

Asumir o copago, subvencionar os comedores escolares, crear bolsas de alimentos, facilitar vivenda ás familias desafiuzadas, son algún exemplos da política alternativa do BNG nos municipios.

 “É posible gobernar doutra maneira para saír da crise, elixindo defender á xente como fai o BNG nos concellos nos que goberna” con alternativas ás políticas da Xunta “que se centran en penalizar aos colectivos con máis dificultades: parados, pensionistas, doentes, estudantes”, recalcou.

En canto á resposta social, Vence explicou que o BNG celebra este venres un cumio municipal “para facer visible a alternativa nacionalista nos concellos”, e tamén ten convocado concentracións diante das deputacións o vindeiro 14 de novembro contra a reforma local.

Igualmente, dentro desta resposta social, o Bloque apoia e participará nas mobilizacións impulsadas polos 150 colectivos convocados en Riotorto contra o repagamento, en concreto as concentracións do dia 8 ante os hospitais galegos de referencia e a manifestación nacional do 17 de novembro por unha sanidade pública, universal e gratuita.

Moción contra o espolio

O portavoz nacional anunciou que o BNG vai presentar unha moción en todos os concellos galegos para pedir a paralización do proceso de venda de NGB, que supón unha “auténtico latrocinio” do aforro galego, e que terá unha especial repercusión nos concellos do medio rural. “O espolio da entidade pode provocar exclusión financeira para moitos galegos e galegas se desaparecen as oficinas nas que xestionan as súas pensións, salarios ou aforros”, argumentou Vence.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG