O BNG botouse hoxe ás rúas de Galiza para partillar as súas alternativas coas cidadáns e os cidadás do País. Un reparto expansivo e simultáneo por todo o País. Guillerme, en Pontevedra, afirmou que o Bloque vai dar a batalla por conquistar novos apoios sociais a prol da única forza política galega verdadeiramente alternativa, a única que desde o principio da crise criticou o neoliberalismo como estratexia fronte á recesión.
Guillerme -acompañado por cargos orgánicos e institucionais do BNG, entre eles o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores- criticou este serán en Pontevedra que o PP vete as comisións de investigación sobre Bankia e Novagaliciabanco e prefira, en troca, inxectar fondos públicos á banca privada.
O PP non quer ningunha investigación porque é o responsábel do burato de Bankia e da desaparición das caixas galegas
"Algo ten que ocultar o Partido Popular. Está claro. É o directo responsábel do desastre de Bankia e é o directo responsábel do espolio do aforro galego que se derivaría da absorción de Novagaliciabanco pola propia Bankia ou por calquera outra entidade coa sede social fóra de Galiza, considerou o portavoz nacional.
Guillerme afirmou tamén que as políticas fracasadas do PP agravan a crise e só serven para engordar a burbulla da débeda, como viría a demostrar o récord da prima de risco rexistado hoxe.
Reparto expansivo e simultáneo
O líder nacionalista realizou estas declaracións ante os meios antes de tomar parte no reparto, polas rúas de Pontevedra, do material informativo editado polo BNG con alternativas concretas en materia de política económica e contra a crise. Este reparto faise simultaneamente nas 7 cidades galegas e nas vilas cabeceira de comarca do País.
Estamos a dialogar moi intensamente coa sociedade para a facer partícipe das nosas propostas e alternativas. O BNG sempre fixo a política a pé de rúa, dixo o portavoz nacional.
Soterrar 23.500ME na nacionalización-trampa de Bankia é unha estafa política e económica sen precedentes
Criticou o Goberno do PP pola súa carencia absoluta de ideas novidosas fronte a crise. O único que sabe facer o PP é insistir en políticas que xa se teñen revelado como fallidas, como fracasadas. As políticas de recortes só traen máis paro e máis recesión, así o vivimos as galegas e os galegos desde que Feijóo chegou ao poder en 2009, afirmou.
Engadiu que soterrar 23.500 millóns de euros na nacionalización-trampa de Bankia (trampa porque o que se pretende é a privatización posterior) constitúe unha estafa política e económica sen precedentes. O mesmo goberno que fai isto recorta logo 10.000 millóns de euros na sanidade e no ensino públicos, dixo.
Ante a teimosía coa que o PP continúa a practicar políticas erradas, o BNG opón un mangado de propostas autenticamente alternativas, de entre as cais singularizou a da criación dunha Banca Pública Galega.
Non é posíbel saírmos da crise sen financiarmos os sectores produtivos. A banca privada non está interesada en facelo. Prefire especular coa compra da débeda pública. Por iso necesitamos unha banca pública que faga aquilo que a banca privada deixou hai moito de facer, remarcou.
Pública e galega. Non nos vale un banco público con sede en Madrid. Non atendería os nosos intereses, alegou, ao tempo que destacou que o autogoberno de Galiza sufriría un durísimo golpe se se consumar o deseño centralista de absorción de NGB.