Rajoy vén a Galiza a insultar os galegos pois a herdanza de Feijóo é un País en ruína e endebedado

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, lamentou esta tarde noite nun mitin en Ribadeo que nin Feijóo nin Rajoy se comprometeran a actualizar as pensións, “o que demostra que Feijóo asumiu que logo do 21-O Rajoy vai recortalas e agora cala como un peto”.

Jorquera criticou que Rajoy veña a Galiza a dicir que con Feijóo Galiza capeou mellor a crise e preguntouse a quen llo di, “ás 113.000 persoas que engrosaron as listas do paro; aos 60.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar; aos máis de 3.000 gandeiros que pecharon as súas explotacións ou aos máis de 5.000 pequenos empresarios que liquidaron os seus negocios?”.

Existe unha ampla maioría social que demanda un cambio de goberno, por iso animo a concentrar o voto no BNG

Para o candidato nacionalista, Rajoy insulta a intelixencia dos galegos e galegas e non coñece en absoluto este País, “a única Galiza que coñece é a da praza de touros de Pontevedra mentres fuma un puro porque a herdanza que realmente deixa Feijóo é a dun País case en ruínas”.

Jorquera pediu o voto para o BNG porque neste escenario Galiza precisa un cambio radical, necesita iniciar un novo tempo político que mude o modelo de Feijóo, que só defende os intereses dos poderosos, por un modelo que priorice as políticas para a xente, para a defensa da súa sanidade, do seu ensino, do emprego e do seu benestar.

Autonomía fiscal

O candidato do BNG considera que para que este cambio sexa posíbel e para poder facer frente aos recortes é fundamental que Galiza teña autonomía fiscal, que poida recadar máis recursos “e frear a espiral de endebedamento á que nos abocou Feijóo”.

Jorquera animou a participar masivamente nestas eleccións porque xa existe unha clara maioría social a favor de abrir unha nova etapa política en Galiza e así o demostra, por exemplo, o estudo do CIS, que di que o 49 por cento dos galegos está a favor dun cambio de goberno frente ao 31 por cento que é partidario da continuidade de Feijóo.

“O BNG é hoxe unha forza en ascenso que sintoniza con esa maioría social –dixo-. O BNG dá voz en campaña a esa maioría social e cada día que pasa resulta máis evidente que o PP ten as eleccións perdidas se concentramos os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG. En bloque podemos”.

Cosme Pombo

O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego ao Parlamento Galego pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, chamou ao PP "Partido do Paro" e afirmou que os datos de desemprego demostran que as políticas de recortes do Partido Popular "non levan a ningún sitio”.

Cosme Pombo calificou de “mentirán” a Feijóo por ter prometido en 2009 acabar co paro en 45 días e deixar a Galiza tres anos despois con 110.000 parados máis. O cabeza de lista do Bloque por Lugo explicou que cando Feijóo chegou á Xunta había 162.000 persoas en situación de desemprego, cando hoxe son xa máis de 275.000. Na provincia de Lugo, dixo, a día de hoxe máis de 25.000 persoas están sen traballo, cando hai tres anos eran 17.000.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG