Rajoy debe dimitir e Feijóo esclarecer as posíbeis ramificacións en Galiza do caso Bárcenas

Jorquera cualifica de gravísimos os feitos publicados no xornal El País e anuncia que o BNG xa rexistrou a petición de comparecencia urxente de Montoro e unha comisión de investigación no Congreso

O portavoz do G.P. do BNG, Francisco Jorquera, emprazou a Mariano Rajoy a que aclare os feitos publicados  no xornal El País “e unha de dúas, se insiste en que non son certos presente querela contra Bárcenas e os medios que publicaron eses datos e senón só ten unha saída, presentar a súa dimisión de forma inmediata”.

Jorquera, en declaracións aos medios, cualificou de “extremadamente graves” as noticias difundidas hoxe polo xornal madrileño, que rebelan claros indicios de financiación irregular do PP e pagos periódicos en B a boa parte da cúpula deste partido, entre eles o propio presidente do goberno, Mariano Rajoy.

Son feitos reprobábeis en calquera circunstancia pero máxime nun contexto de recortes nos que se piden tantos sacrificios aos cidadáns

O voceiro nacionalista asegurou que de se demostrar estas irregularidades sería un atentado contra a saúde da democracia, por iso urxe unha explicación por parte de Rajoy e adopción de medidas rexeneradoras.

Neste sentido, anunciou que o BNG no Congreso acaba de rexistrar a solicitude de comparecencia urxente do ministro de Facenda, Cristobal Montoro, para que aclare por que negou que Bárcenas se acollera á amnistía fiscal, e reclama tamén unha comisión de investigación na Cámara alta.

Explicacións de Feijóo

Asemade, emprazou tamén a Núñez Feijóo a que aclare as posíbeis ramificacións das presuntas contas irregulares en Galiza, concretamente a partida que figura baixo o epígrafe Galicia O.C.

Para Jorquera, os feitos dos que se está a falar son reprobabéis do ponto de vista xurídico, ético e político en calquera circunstancia pero máxime nun contexto no que o partido beneficiario dese suposto financiamento irregular está a aplicar medidas na sociedade, dende o goberno, que esixen grandes sacrificios aos cidadáns.

“Agora xa sabemos por que o goberno do PP recorta drasticamente a financiación pública dos partidos, porque xa ten resolta a súa por outros mecanismos, cando é o financiamento público o que asegura o control democrático, a transparencia e a equidade”.

Plutocracia

O voceiro parlamentar do BNG explicou que estes feitos demostran que nestes momentos non hai democracia, senón plutocracia, un goberno ao servizo dalgunhas elites, “favorecida -dixo- pola política de porta xiratoria pola que altos cargos en empresas logo son altos cargos políticos e logo, de novo, volven á privada, un círculo perverso que permite ás grandes empresas beneficiarse de adxudicacións públicas a cambio de financiar os partidos”.

Demagoxia populista

Jorquera fixo fincapé nas contradiccións do Partido Popular que, mentres presuntamente se financia ilegalmente, tenta restar capacidade de actuación aos parlamentos, suprimindo salarios, como no caso de Castela a Mancha; recortando número de deputados, como pretende facer en Galiza ou querendo converter en escándalo que os parlamentares da oposición non renuncien ao seu soldo polo plante protagonizado no pleno de orzamentos.

Neste sentido, o voceiro do BNG cualificou de “demagoxia populista” a postura de Pilar Rojo e lembrou que os deputados que se ausentaron o fixeron como acto político, “exercimos de representantes do pobo porque estivemos do lado do pobo, non nos ausentamos para ir a un spa”.

 

http://youtu.be/jH3WRJH1RGA

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG