O PP veta as comparecencias propostas polo BNG para investigar as caixas de aforros

Francisco Jorquera denuncia a decisión “unilateral” dos conservadores e cualifica de “improcedente” o veto ás comparecencias dos portavoces das plataformas galegas afectados polas participacións preferentes

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera acusou hoxe ao Partido popular de “vetar” as comparecencias propostas polo BNG na Comisión de investigación das antigas caixas galegas de aforro.

Ante a reunión da Comisión encargada de investigar o acontecido nas caixas galegas que terá lugar mañá no Parlamento galego, Jorquera expresou, “ a protesta” do BNG pola actitude do Grupo popular de impoñer de “maneira unilateral a súa proposta de comparecencias vetando as aportadas pola aposición”.

O PP non dialoga, impón o rodil

Ao grupo parlamentario popular maioritario na Cámara galega, explicou ante os medios, “correspondíalle iniciar un dialogo cos grupos para consensuar un plan de traballo”, sen embargo, “ o PP abstivo deste dialogo e optou pola vía do rodil e impoñer o seu plan que será discutido e aprobado” mañá na comisión.

O deputado censurou o proceder dos populares porque, na súa opinión, engade unha incógnita máis á comisión, “a verdadeira intención do Partido popular que é facer ver que se fai para convertela nun paripé”.

Jorquera lembrou que o PP xa vetou na lexislatura pasada a comisión de investigación e agora amosa “ falla de vontade para que se investigue ata o final”.

 A Comisión de investigación das caixas nace coxa

O BNG, manifestou, “discrepa totalmente deste plan de traballo” porque non desenvolve os ámbitos de investigación e impide analizar as razóns polas que as caixas de aforro foron “desvencellándose do seu papel de instrumentos financeiros da economía galega para dedicarse a actividades especulativas de alto risco emulando á gran banca comercial na grande política expansiva no sector inmobiliario no Mediterráneo e tamén nos delirios de grandeza na política de adquisición de patrimonio”.

Para Jorquera deben ser investigadas as practicas abusivas dos directivos das caixas “con indemnización millonarias” así como as practicadas cos clientes coa venta de participacións preferentes e subordinadas.

Fátima Entenza, vinculada ao PP, única comparecente polos afectados das preferentes

O portavoz do BNG denunciou “o veto do Partido popular” ás comparecencias das plataformas galegas dos afectados polas participacións preferentes, agás a Plataforma de Marín-Pontevedra cuxa portavoz, Fátima Entenza está vinculada ao PP.

Jorquera estendeu a súa denuncia á imposición do PP impedindo que compareza Carlos Varela, Fiscal Superior de Galiza quen pode aportar moitos datos, dixo, “tendo en conta a demanda da Fiscalía contra a comercialización deste produto financeiro”.

O PP tampouco permite a comparecencia dos fillos de Xosé Luís Méndez, Luís Méndez Pascual e Iago Méndez Pascual, “dinastía familiar de Caixa Galiza”.

O BNG pediu as comparecencias dos representantes de ADICAE, Asociación galega de afectados por produtos financeiros e un “amplo elenco” dos portavoces de representantes das plataformas de afectados polas participacións preferentes “unha estafa masiva da que son vítimas ducias de miles de cidadáns galegos”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG