O PP sabe que ten as eleccións perdidas se o voto nacionalista e de esquerdas se concentra no BNG

 

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, asegurou  que o Partido Popular sabe que ten as eleccións perdidas se o voto nacionalista e de esquerdas se concentra no BNG e por iso recorre á “guerra suxa”.

Jorquera, durante a súa intervención na Convención Electoral celebrada este mediodía en Santiago, reivindicou o BNG como unha forza soberana e soberanista, que non precisa de “ás emprestadas”, de “tutelas alleas” para facer frente á política recentralizadora da dereita.

O candidato nacionalista defendeu que é necesario avanzar cara a soberanía para que sexa posíbel unha saída social á crise, pois lembrou que a soberanía non é unha abstracción, “a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia e a ausencia de democracia conduce á ausencia de xustiza social”.

Os primeiros que saben que poden perder as eleccións son os do PP, por iso recorren á guerra suxa

Neste sentido,lamentou que Feijóo estea metendo medo contra o nacionalismo cando o que dá realmente medo son as políticas da dereita, “esa dereita que precisa de máis centralismo, impor ás Comunidades Autónomas duros recortes para desmantelar así os servizos públicos e as políticas sociais, pois son elas as que xestionan a meirande parte dese gasto”.

Máis capacidade de decidir

Jorquera ironizou co feito de que Feijóo durante estes tres anos e medio xustificou a súa “incompetencia” queixándose de que Galiza apenas tiña competencias e agora, sen embargo, asegura que aos galegos e galegas non lles interesa ter máis capacidade para decidir.

“Pois que lle pregunte á sociedade galega se quere que sexa Madrid a que decida o expolio do noso aforro; que lle pregunte se lle parece ben que sexa Madrid a que expropie aos pequenos aforradores a aforradoras estafados polas preferentes ou que lle pregunte se está dacordo con que sexa Bruxelas a que diga se podemos construir barcos ou se podemos pescar e producir leite”.

Só pode defender a soberanía de Galiza unha forza soberana e esa forza é o BNG, que non precisa ás emprestadas para voar

Para o candidado nacionalista, o problema de Galiza non é evitar que sexa un problema para España, como pretende Feijóo porque só lle preocupa Madrid, senón evitar que España sexa un problema para Galiza, “evitar que as políticas do Estado sigan arruinando o noso País”.

Separadores Vs separatistas

Jorquera aclarou que esta posición non é ser “separatistas” e asegurou que os únicos “separadores” que hai aquí son as políticas da dereita.

“Son separadores os que esquecen a austeridade e dilapidan os cartos públicos para acabar co galego no ensino; os que recentralizan o ensino para impor un modelo elitista e segregador; os que negan a Galiza o dereito a vivir do seu traballo ou os que lle negan o dereito a decidir e ser dono do seu futuro”.

O candidato nacionalista reiterou que Galiza necesita un cambio de rumbo, un cambio real que plante cara aos recortes e desaloxe do goberno ao peor presidente da historia, por moito que veña Rajoy a dicir que grazas a Feijóo Galiza capeou mellor ca ninguén a crise.

Herdanza de Feijóo

Jorquera preguntouse a quen lle falaba Rajoy, ás 1130.000 persoas que engrosaron as listas do paro nesta lexislatura?; aos 6.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar?; aos máis de 3.000 gandeiros que pecharon as súas explotacións ou ás máis de 5.000 pequenas e medianas empresas que foron liquidadas?.

“O señor Rajoy -engadiu- non debería insultar a intelixencia dos galegos e galegas e debería patear máis o País para ver a verdadeira herdanza que deixa Feijóo”.

Pensións

Asemade, emprazouno a que lle diga aos pensionistas galegos se vai recurtar as pensións despois do 21 de Outubro, “teñen dereito a sabelo canda vaian votar dentro de algo máis de quince días”.

Jorquera concluiu proclamando que Galiza non merece un goberno que a desprece e apelando ao espírito de Nunca Máís para que o próximo día 21 o pobo galego diga non á “maré negra do centralismo, da perversión da democracia e da inxustiza social”.

“Temos que gobernar nós a nosa terra, porque nós si cremos en Galiza, porque nós si a queremos e porque nós, o BNG, levamos 30 anos sementando mil primaveras máis para o noso País”.

Guillerme Vázquez

Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, tamén animou a a botar de Monte Pío o próximo día 21 a un presidente da Xunta que mentiu cando chegou e vai marchar tamén mentindo, “do éolico a Pemex vai mentira tras mentira”.

Nin o Nodo da CRTVG nin a brunete mediática nin a dereita xudicial poderán impedilo Feijóo á rúa por inútil, mentirán e antigalego

“O 21-O todos a unha -engadiu-: Feijóo á rúa, por inútil, mentireiro e antigalego. Hai que poñer fin a este trienio negro e lograr un cambio de rumbo que rexenere a democracia nesta Galiza putrefacta polo réxime Feijóo”.

O voceiro nacionalista asegurou que nin o “Nodo” da TVG nin a “brunete mediática” nin a “dereita xudicial” van impedir acabar co actual goberno de Feijóo e preguntouse onde está a Xustiza cando se trata de actuar ante Gayoso, Méndez ou Pego, malia terse levado millóns de euros de todos os galegos e galegas.

Guillerme Vázquez explicou que o BNG ten tolerancia cero ante a corrupción pero quixo deixar claro, coa mesma enerxía, “que non estou disposto a calar ante unha Xustiza que aos megadelincuentes non lles toca nin un pelo”.

30 anos de BNG

O BNG tamén celebraba nesta Convención o seu 30 Aniversario, polo que comezou as súas intervencións coas palabras de catro mozos e mozas nados en Setembro de 1982.

Nun ateigado Pazo de Congresos, máis de 2.000 persoas sopraron as velas do 30 Aniversario do BNG, 30 anos sumando mil primaveras máis para Galiza

Nun acto conducido polo Carrabouxo, e logo de ter soplado virtualmente unha tarta coas 30 velas, tomaran a palabra os cabezas de lista das catro provincias, ante un ateigado Pazo de Congresos que reuniu a máis de 2.000 persoas.

Candidatos provinciais

Pola provincia de Lugo, Cosme Pombo salientou que o BNG traballa para a xente e para pór o País a producir, “porque temos os mellores recursos pero non nos deixan explotalos” e puxo como exemplos o extraordinario agro galego e o nível punteiro do noso sector naval.

Tareixa Paz, pola provincia de Ourense, defendeu o BNG como garantía da defensa da igualdade. Fixo especial alusión á crise de valores que afecta tamén á política, a esa estratexia interesada de que todos os políticos son iguais “porque o nacionalismo lles estorba e por iso nos atacan por terra, mar e aire, pero non van poder con nós e apoiar BNG será apoiar democracia e políticas ao servizo do pobo”.

O número 1 pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, xogou co lema do Partido Popular e advertiu que Feijóo non quere situar a Galiza por riba de todo, “a dereita quere facer de todo por riba de Galiza pero nós non lles imos deixar”. Denunciou que para o PP todo é un negocio: o ensino, a sanidade, os servizos sociais, dos que se favorece incluso a irmá de Feijóo, e defendeu que frente ao modelo de empobrecemento que representa o PP, “o nacionalismo, o BNG é a solución”.

Finalmente, Ana Pontón, número 2 pola provincia da Coruña explicou que o BNG “non é un híbrido nin un tranxénico, é 100 por 100 galego” e apostar por esta formación o próximo día 21 será rebelarse nas urnas contra as políticas de recortes do PP. Para Pontón é tempo de rebelarse, pero non chega con facelo na rúa, cómpre facelo tamén nas institución e participando o próximo 21, “porque está todo moi aberto -advertiu- e os que sodes de Santiago sabedes ben como por só uns votos pode mudar un resultado”.

 

http://youtu.be/LKP8sgdV3jM

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG