Jorquera defendeu gravar as rendas máis altas e os grandes patrimonios, políticas para xerar emprego e blindar os servizos públicos
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendeu hoxe, na Comisión de Economía e Facenda, 23 emendas ao articulado do proxecto de lei de Orzamentos para o 2014, destinadas a defender unha fiscalidade xusta, equitativa e progresiva.
Todas as emendas nacionalistas foron rexeitadas polo Partido popular.
Actuar sobre os ingresos
Na súa intervención, Jorquera defendeu modificar o sistema de impostos para obter máis recursos distribuíndo o esforzo fiscal de maneira xusta, porque máis impostos como defende o PP significa incrementar o paro.
Os países cunha fiscalidade máis avanzada, dixo, resisten mellor a crise e obteñen os mellores índices de benestar e ocupación,sen embargo a Xunta de Galiza aplica políticas regresivas avogando polo 62% dos ingresos tributarios a través de impostos indirectos que obrigan aos usuari@s a repagar servizos básicos xa sufragados polos propios impostos dos cidadáns.
Os impostos indirectos non discriminan a renda do contribuínte e castigan sobre todo, as rendas de traballo imposibilitando o aforro, cargando negativamente o consumo, por iso, reiterou, as nosas emendas queren corrixir esta política fiscal regresiva.
Entre os impostos reseñados, Jorquera amosou o seu rexeitamento a suba do 34% no canon do lixo e o BNG non avala a aplicación dese taxazo e pediu a súa supresión.
O parlamentario cuestionou o modelo de residuos sólidos e criticou que se venda como un éxito un modelo consistente en facer circular camións por toda Galiza para logo enterrar en vertedoiros 200.000 TN de lixo ao ano.
Sector eléctrico e Hidrocarburos
O deputado lembrou que a todos e todas os galegos resúltalle moi cara a submisión da Xunta ás políticas do Goberno central para o sector eléctrico e concretamente na supresión das primas por xeración de electricidade a partir da biomasa.
Suprimir o imposto sobre hidrocarburos, manifestou, faise necesario, porque do contrario o custe para o traballad@r medio será moi superior ao aforro previsto na rebaixa do IRPF.
Ademais engadiu que a suba dos combustíbeis penalizará o transporte, sector que representa o 5% do noso PIB
Escala progresiva na tarifa autonómica do IRPF
O BNG propuxo establecer un gravame do 25,5 por cento para as rendas superiores aos 100.000 euros e reducir o mínimo exento do imposto do patrimonio ate os 300.000 incrementando este tipo impositivo para os grandes patrimonios.
Jorquera considerou que as rendas máis altas e os grandes patrimonios poden facer un maior esforzo fiscal ao igual que as grandes empresas e grandes superficies comerciais, gravando o impacto económico e social que suporía, dixo, un ingreso de 30 millóns de euros.
Crear un novo imposto sobre depósitos en entidades de crédito nun 0,3 por cento sumaria outro ingreso a facenda superior aos 165 millóns de euros.
Parécenos incríbel que a Xunta renuncie a uns recursos dos que dispoñen outras comunidades e o incremento de ingresos que propoñemos aposta de verdade e non de boquilla polo gasto social e investimento produtivo.
Para aforrar hai que evitar que outros fagan negocio co a nosa sanidade e infraestruturas públicas pero a Xunta xa ten comprometidos 3.000 millóns de euros para compensar cun canon ás concesionarias das autovías e do novo Hospital de Vigo.
Gasto social e política de emprego
Galiza necesita blindar os seus servizos públicos ante o permanente a ameaza de recortalos por mor do equilibrio económico-financeiro.
Emendas nacionalistas tamén para blindar os servizos públicos, a súa degradación e rematar coas políticas de recorte de persoal nun contexto cunha taxa de paro das máis altas da nos historia, afirmou.
Política laboral
O problema de desemprego en Galiza fai urxente acometer medidas drásticas e políticas de verdadeira xeración de emprego e non políticas que o contraian.
Non é xusto que os empregados públicos sexan o paganos dos axustes, comerciantes e hoteleiros xa denunciaron o impacto negativo da supresión da paga extra do Nadal.
Reforzar o Sistema Universitario contra permanentes recortes
O nacionalista denunciou as políticas de recortes da Xunta nesta materia e avogou por un compromiso real do Goberno coas Universidades.
Defendeu emendas para incrementar a masa salarial das tres Universidades e oferta pública de emprego. O BNG, dixo, propón que sexan as xerencias das Universidades as que comuniquen mensualmente á consellería de Educación a relación de contratación.
Por outra parte, Jorquera manifestou que o BNG rexeita a contratación de profesorado interino a tempo parcial en centros docentes non universitarios porque consolida a precariedade e degrada a xestión do servizo.
Finalmente, Jorquera defendeu emendas ao orzamentos relativas aos pagamentos de subvencións a concellos, sen necesidade de achegar garantías co fin de evitar a asfixia das corporacións municipais.