O PP rexeita investigar o accidente ferroviario de Angrois

Francisco Jorquera acusa ao PP de “inhibirse de investigar as causas do maior accidente da historia ferroviaria” e afirma que “só aquel que ten algo que ocultar négase a que se investigue”

O Partido popular rexeitou hoxe no Parlamento galego crear unha Comisión de investigación, solicitada polos grupos parlamentarios do BNG e AGE, sobre as causas do accidente ferroviario de Santiago do pasado 24 de xullo.

Pola súa parte, o grupo parlamentario dos Socialistas de Galiza abstívose na votación.

Na súa intervención, Francisco Jorquera acusou ao Partido popular de “inhibirse de investigar as causas do maior accidente da historia ferroviaria” e afirmou que “aquel que ten algo que ocultar négase a que se investigue”.

 Investigar as causas do accidente é unha obriga ética e política do Parlamento

O portavoz nacionalista, tras cuestionar un debate que cualificou de “incongruente” no seu formato, 10 minutos para os dous grupos solicitantes e 10 minutos para cada un dos grupos que se opoñen á proposta, considerou que o Partido popular segue dando “desculpas de mal pagador” amparándose nunha investigación xudicial en curso.O deputado lembrou que na catástrofe do Prestige tamén se iniciara un proceso xudicial que non impediu crear unha Comisión de investigación na Cámara galega e no Congreso dos deptuad@s.

Vostedes, dixo, apelan a que Galiza non ten competencias, “curioso xeito de defender a función deste Parlamento e os intereses de Galiza”,criticou e aludiu ao artigo 52 que posibilita a creación dunha Comisión de investigación sobre un asunto de interese público.

Jorquera lembrou que a noite do pasado 24 de xullo, o BNG suspendeu toda a súa actividade programada, púxose ao servizo das vítimas e das súas familias transmitíndolles toda a súa solidariedade e dor, expresamos o noso recoñecemento ao persoal voluntario, Servizos públicos e veciños de Angrois polo seu comportamento solidario e humanitario que axudaron a paliar as tráxicas consecuencias do accidente e deficiencias dos servizos de emerxencia así como dos servizos públicos máis deteriorados polos recortes.

Informacións mediáticas en entredito

Un comportamento, dixo, moi distinto a aqueles que desde o primeiro momento se apresuraron a buscar un “chivo expiatorio” para descargar todas as culpas e alentar o “infundio de que podía tratarse dun atentado”.

Sobre este extremo, aludiu á Televisión de Galiza que a altas horas da madrugada falaba aínda de explosións, un “dixital da Brúnete mediática” titulaba coa palabra atentado e nunha tertulia do TDT Party pedíase a ilegalización dos partidos nacionalistas.

Ademais, engadiu, o Delgado do Goberno, Samuel Juárez, “foi o responsábel” de propagar ese infundio, o mesmo delegado que levaba meses utilizando a pantasma do terrorismo e criminalizando ao nacionalismo, “semella que algúns suspiran por que haxa terrorismo en Galiza para sacar tallada política”, sentenciou.

O Portavoz do BNG lamentou que o PP impida investigar un accidente que, ao seu xuízo, “non tivo unha causa única” como xa advertiu un informe do ano 2006 do Colexio estatal de Enxeñeiros sobre “os déficits de seguridade dalgunhas liñas de alta velocidade”.

Francisco Jorquera concluíu a súa intervención lembrando que despois de investir 2.000 millóns de euros na liña Ourense- Santiago “regateouse en medidas de seguridade básica”, a Galiza, vendéronlle “un sucedáneo” da alta velocidade, rematou.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG